A Deputación pon en marcha o proceso para contratar as obras de mellora da EP-5001 A Franqueira-Cebreiro, na Caniza, por valor de 270.000 euros

O presidente Luis López sinalou que a través deste proxecto se actuará para mellorar a seguridade viaria cun reforzo do firme, a substitución das beirarrúas e a mellora da drenaxe

05/06/2026

A Deputación pon en marcha o proceso para contratar as obras de mellora da EP-5001 A Franqueira-Cebreiro, na Caniza, por valor de 270.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de que a Xunta de Goberno da institución provincial deu luz verde ao expediente de contratación das obras de mellora da seguridade viaria, o reforzo do firme e a execución de cunetas na EP-5001 A Franqueira-Cebreiro, na Caniza, que recibirán 270.000 euros.

As actuacións previstas consisten nun conxunto de intervencións destinadas á mellora da seguridade viaria e da funcionalidade da EP-5001. Comezarase coa roza e limpeza das cunetas, noiros e terrapléns, mediante medios manuais, a escavación de zonas en desmonte sobre rocha para conformar as cunetas e estabilizar os noiros. Tamén se acometerá a demolición e retirada dos firmes e beirarrúas existentes, para a súa substitución por novas solucións construtivas máis axeitadas. Executaranse traballos de escavación mecánica en zonas de tránsito para adecuar a plataforma da estrada aos novos anchos e mellorar as drenaxes e a seguridade nas zonas de ensanche.

Aplicarase unha capa de macadam bituminoso sobre a subbase e fresarase o firme existente naquelas zonas que o requiran para garantir a adherencia da nova capa de rodaxe, de mestura bituminosa en quente. Executarase tamén unha cuneta de formigón en “V” co fin de mellorar a drenaxe lonxitudinal da plataforma e evitar a acumulación de augas sobre o firme. Por ultimo, renovaranse as marcas viarias da sinalización horizontal con solucións que garanten a visibilidade nocturna e en condicións adversas.

Ademais desta actuación na Xunta de Goberno deste venres tamén se avanzou noutro proxecto dunha estrada provincial na Estrada. “Seguimos sumando investindo recursos como nunca antes se fixera para alongar a vida das nosas estradas e garantir a súa seguridade”, confirmou o presidente provincial.

audios