A Deputación inicia o proceso de contratación das obras da EP-8004 Caldas de Reis-Vilanoviña, en Portas, por 540.000 euros
As obras mellorarán un tramo de 850 metros no treito antigo da estrada da Azucreira, mellorando a drenaxe e reforzando a seguridade viaria
19/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a aprobación do expediente de contratación para as obras de mellora da drenaxe e a seguridade viaria na EP-8004 Caldas de Reis – Vilanoviña, no treito antigo da Azucreira, no Concello de Portas, cun orzamento de 540.000 euros. “Unha semana máis, seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio.”, confirmou o presidente provincial.
En concreto, a actuación proxectada na EP-8004 Caldas de Reis-Vilanoviña, no treito antigo da estrada da Azucreira permitirá mellorar a drenaxe e reforzar a seguridade viaria ao longo de 850 metros nos que actualmente existen importantes deficiencias nas canalizacións e elementos de recollida de augas, que provocan desbordamentos durante o inverno. As obras inclúen a renovación das tubaxes soterradas, a substitución dunha cuneta profunda que supuña un risco para a circulación, a instalación de novos sumidoiros para a evacuación das augas pluviais, a pavimentación das sendas, a mellora do firme e a colocación de nova sinalización horizontal e vertical.
Ademais, dentro desta actuacións prevese actuar nun punto estreito da vía situado nunha ponte, onde se renovarán as barreiras de seguridade co obxectivo de incrementar a protección das persoas usuarias da estrada.
