A Deputación destina máis de 90.000 euros para que Portas reforme o campo de fútbol municipal
A Xunta de Goberno deu luz verde á concesión a esta axuda no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que permitirá reformar varias edificacións e crear novos aseos
11/09/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha axuda ao Concello de Portas por valor de máis de 90.000 euros co obxecto de financiar melloras no campo de fútbol municipal, localizado no lugar de Cachada. Trátase da totalidade dos recursos que lle corresponden ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dotado de 8 millóns para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións xa existentes.
O obxectivo é a mellora, adecuación e actualización das instalacións existentes no campo contemplando as seguintes actuacións principais: reforma da edificación destinada a almacenaxe e despacho de billetes, reforma da edificación destinada a oficinas, e a construción dunha nova edificación de planta baixa independente destinada a albergar novos aseos. Con estas obras perséguese a modernización integral das instalacións, eliminando elementos construtivos obsoletos e mellorando as condicións de seguridade, salubridade e eficiencia, contribuíndo a incrementar a calidade, funcionalidade e durabilidade do equipamento deportivo municipal.
Continuamos sumando exemplos de como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que reparte 8 millóns entre os concellos de menos de 50.000 habitantes, está a transformar a práctica deportiva na provincia”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López.
