A Deputación aproba máis de 720.000 euros do Plan +Provincia para diferentes actuacións en Cambados, Vilanova e A Illa de Arousa

Cambados recibe preto de 80.000 € para a instalación dun sistema de videovixilancia, Vilanova de Arousa 95.000 € para a adquisición dun novo edificio para dependencias do Concello e A Illa de Arousa 550.000 € para a humanización da área deportiva de Testos

05/06/2026

A Deputación aproba máis de 720.000 euros do Plan +Provincia para diferentes actuacións en Cambados, Vilanova e A Illa de Arousa

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar máis de 720.000 euros da liña 1 do Plan +Provincia a Cambados, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa. O presidente Luis López detallou que Cambados recibe preto de 80.000 € para a instalación dun sistema de videovixilancia das vías municipais, Vilanova de Arousa 95.000 € para a adquisición dun novo edificio para dependencias do Concello e A Illa de Arousa 550.000 € para a humanización e posta en valor dos recursos naturais da área deportiva de Testos.

En concreto, os preto de 80.000 euros que recibe o Concello de Cambados teñen por obxectivo o subministro, instalación e posta en servizo dun sistema CCTV IP con analítica de vídeo e sistema LPR para control de vías municipais. En concreto, situaranse cámaras no Concello, no porto de Tragove, na rotonda de Eroski e na de Vilariño e na rúa Barca Norte. En todos eses puntos tamén se posicionarán gravadores.

Pola súa banda, Vilanova de Arousa contará con preto de 95.000 euros para adquirir un edificio situado na rúa Aromas de Lenda, no que poder localizar dependencias oficiais do Concello, xa que os existentes resultan insuficientes, dispersos ou pouco axeitados á necesidades do funcionamento actual da administración.

Por último, A Illa de Arousa recibe 550.000 euros das anualidades do 2026 e do 2027 para completar o financiamento da humanización e posta en valor dos recursos naturais da área deportiva de Testos, que conta con outros 500.000 € do Plan Extra 2025, sendo así unha actuación financiada na súa totalidade pola Deputación. Entre as actuacións a realizar inclúese a preparación e limpeza da zona, coa demolición de edificacións obsoletas ou a eliminación de especies exóticas invasoras; axustes topográficos e xeración de plataformas, ordenación de percorridos e accesibilidade cunha nova rede de sendas, e a restauración ecolóxica e valorización patrimonial entre outras.

Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.

audios