A Deputación aproba máis de 250.000 euros para melloras nas rúas de Cuntis e Marín no marco do Plan +Provincia

Cuntis recibe 105.000 € para a mellora da mobilidade peonil coa creación dun espazo compartido para peóns, bicicletas e vehículos e Marín preto de 150.000 € para o saneamento e a pavimentación da rúa Aniñada

05/06/2026

A Deputación aproba máis de 250.000 euros para melloras nas rúas de Cuntis e Marín no marco do Plan +Provincia

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar máis de 250.000 euros da liña 1 do Plan +Provincia a Cuntis e Marín. O presidente Luis López detallou que Cuntis recibe 105.000 € para a mellora da mobilidade peonil coa creación dun espazo compartido para peóns, bicicletas e vehículos e Marín preto de 150.000 € para o saneamento e a pavimentación da rúa Aniñada.

En concreto, os 105.000 euros que recibe Cuntis permítenlle cubrir a achega municipal do Plan Extra 2025, polo que a institución provincial financia ao 100% o orzamento de máis de 600.000 € para a creación dun espazo de circulación compartida, deseñado para garantir a coexistencia segura, cómoda e eficiente de peóns, ciclistas e vehículos. O deseño contempla a renovación do pavimento nas áreas onde este se atopa deteriorado, así como a execución de cunetas transitables con pendentes suaves que, ademais de cumprir a función de recollida e evacuación das augas pluviais, permiten a circulación peonil en condicións de seguridade. A intervención complétase coa instalación de sinalización horizontal e vertical específica, que establece a prioridade de peóns e ciclistas sobre os vehículos, limitando a velocidade máxima de circulación a 30 km/h en todo o ámbito de actuación.

No caso de Marín, os 150.000 euros permitirán actuar nunha rúa, a Niñada, de grande importancia por ser itinerario habitual de usuarios do colexio Santo Narciso. En concreto, substituirase a condución de augas residuais e crearase un sistema de drenaxe e condución das augas pluviais que terá continuidade pola xa existente na vía pública. Por outra banda, ordenarase o tráfico rodado e peonil cunha nova distribución dos espazos da vía. As obras complétanse cos pozos de rexistro, pozos de rexistro sumidoiro-areneiro, acometidas de residuais, sumidoiros, coa reposición do pavimento e coa sinalización e balizamento da rúa obxecto da actuación.

Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.

audios