A Deputación destina máis de 520.000 euros do Plan +Provincia e do PEID aos concellos de Ponteareas, Soutomaior e Tui

O presidente provincial detallou que no marco da liña 1 do +Provincia Soutomaior recibe 140.000 € para as pistas de pádel na Montesiña e Ponteareas 190.000 € para a pavimentación e mellora de camiños municipais, e Tui conta con 185.000 € para infraestruturas deportivas

05/06/2026

A Deputación destina máis de 520.000 euros do Plan +Provincia e do PEID aos concellos de Ponteareas, Soutomaior e Tui

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar máis de 520.000 euros do +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para os concellos de Ponteareas, Soutomaior e Tui. O presidente Luis López detallou que no marco da liña 1 do +Provincia Soutomaior recibe 140.000 € para as pistas de pádel na Montesiña e Ponteareas 190.000 € para a pavimentación e mellora de camiños municipais, e Tui conta con 185.000 € para infraestruturas deportivas

En concreto, os 140.000 euros que recibe Soutomaior do +Provincia permitiranlle financiar a achega municipal do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, do que recibe 265.000 euros, para converter a pista de tenis existente na actualidade na parte baixa da zona deportiva da Montesiña en tres pistas de pádel, así como a ampliar a bancada lateral e a cuberta para axustala ás novas dimensións da superficie de xogo. A reforma componse de actuacións previas, como a limpeza e desmonte do terreo, o desmonte dos peches e a demolición e preparación da superficie de actuación. Posteriormente estenderase unha base de saburra artificial seguida do pavimento de formigón poroso, executarase a pista de pádel, instalaranse bancadas, construirase unha estrutura para as gradas, instalarase a cuberta e a fachada lateral, así como a rede de alumeado das pistas e de evacuación de augas pluviais. Completarase a actuación co pintado e vernizado da pista de pádel.

Pola súa banda, Ponteareas contará con 190.000 euros que lle permitirán proceder á renovación da capa de rodaxe e de toda a sinalización horizontal existente en diferentes camiños municipais. En concreto, será no camiño Cachadas – Bugarín (PO-254), no camiño Fozara, no camiño Cortellas – Padrones, no Nogueira, no Nogueira II e no camiño Guillade – Bº Encostada. En todos os casos, previo ao estendido da capa de rodaxe, procederase ao recheo das fochancas existentes e á limpeza das cunetas.

Por último, os 185.000 euros que recibe Tui no marco do III PEID permitiran financiar unha actuación consiste na substitución do céspede artificial actual por un de nova xeración. Isto implica desmontar, retirar e amorear o equipamento e o sistema de drenaxe para a súa posterior instalación; cortar e retirar o céspede actual, o granulado de caucho e o recheo de area con maquinaria específica; reparar e regularizar a actual capa de soporte aglomerado, con especial atención ás zonas das esquinas; subministrar e instalar o novo sistema de céspede artificial, e repoñer o equipamento previamente retirado

Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros, sendo “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia” e que co Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas “seguimos asentando as bases desta provincia do deporte”.