Exposición e actividades de dinamización literaria
“O BOSQUE DOS CONTOS”
Hematocrítico ilustrado por Alberto Vázquez
Salas de exposicións da Sede da Deputación en Vigo
Do 3 de novembro de 2025 ao 11 de xaneiro de 2026
Horario de visita: de luns a venres, de 9:00 a 20:30 h
Inauguración: luns 3 de novembro, ás 17:30 h
"Ola, visitantes do Bosque dos Contos!
Vinde, quero contarvos algo. Sentade nese tronco…
Coidado! Case esmagades unha fada!
Collede un anaco de torta de cenoria e escoitádeme".
A Deputación de Pontevedra e Hematofesti organizan esta exposición, que toma de referencia o título da obra homónima publicada por Anaya no ano 2020 e na que se recompilan os tres primeiros contos xurdidos da colaboración entre o Hematocrítico e o recoñecido ilustrador Alberto Vázquez: Feliz Feroz (2014), Axente Riciños (2016) e O lobo con botas (2018). Un percorrido visual polas ilustracións orixinais no que as e os personaxes dos contos tradicionais conviven nun mesmo escenario, un bosque compartido onde as historias son reinterpretadas con humor, intelixencia e empatía.
A mostra complétase cun punto de lectura onde o público poderá gozar destes tres magníficos contos e dunha proxección audiovisual na que o propio Hematocrítico narra unha das súas obras. Unha experiencia directa, didáctica e lúdica que convida á escoita activa e á participación.
Este proxecto levará parello unha serie de actividades de dinamización da lectura, parte enmarcadas no Hematofesti, festival de literatura infantil e humor que terá lugar do 4 ao 8 de novembro en Vigo.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS Á EXPOSICIÓN
Xornadas (5 e 8 de novembro)
Actividade de acceso libre ata completar a capacidade
No marco da exposición, e coincidindo coa celebración da segunda edición do Festival de Literatura Infantil e Humor Hematofesti, os días 5 e 8 de novembro levaremos a cabo dous eventos arredor da ilustración e do álbum ilustrado
Ler máis →CLUB DE LECTURA
Actividade con inscrición previa. Inscrición aberta a partir do martes 4 de novembro ás 9 h
Esta actividade procura dous obxectivos básicos: o fomento da aprendizaxe da lectura, entendida como fonte de coñecemento e diversión, e a dinamización da propia exposición, que convida a adestrar a imaxinación e gozar do pracer de ler.
Ler máis →OBRADOIROS DE ILUSTRACIÓN E ESCRITA
Actividade con inscrición previa. Inscrición aberta a partir do martes 4 de novembro ás 9 h
Ofertánse varios obradoiros de Ilustración para nenos e nenas de 5 a 10 anos e un obradoiro de Escrita Divertida, con María Lado, para nenos de entre 8 e 12 anos
Ler máis →