A Deputación investirá 600.000 euros na execución de cunetas de seguridade en 21 estradas provinciais de concellos das comarcas de Vigo, O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta
Esta actuación forma parte do acordo marco de execución de cunetas de seguridade nas estradas provinciais da Deputación, que ascende a 2 millóns de euros neste 2025
25/07/2025
A Deputación de Pontevedra investirá 600.000 euros na execución de cunetas de seguridade en 21 estradas provinciais de concellos das comarcas de Vigo, O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta. En concreto, estes recursos beneficiarán a Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Pazos de Borbén, Tomiño, O Rosal, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, A CAñiza, Covelo e Crecente e forman parte do acordo marco de execución de cunetas nas estradas provinciais da Deputación, que ascende a 2 millóns de euros neste 2025.
En Nigrán actuarase na estrada provincial EP-2106 A Ramallosa-Parada; en Baiona na EP-2202 Baiona-Loureza e EP-2204 Sabarís-Belesar; en Gondomar na EP-2305 Mañuefe-Nande; no Porriño na EP-2403 Mosende-Morgadáns e na EP-2405 O Cerquido-Budiño; en Salceda de Caselas na EP-2501 Salceda-A Picoña; en Mos en EP-2601 Mos-Puxeiros; en Pazos de Borbén na EP-2703 Pazos-Ponteareas; en Tomiño na EP-3101 Tebra-Cristelos; no Rosal EP-3302 Tabagón-O Rosal-Portocelo e EP-3303 Tabagón-Goián; en Ponteareas na EP-4001 Ponteareas-Guillade; en Salvaterra de Miño na EP-4104 Caldelas-Porto; nas Neves na EP-4202 Tortoreos-Rubios-Carrasqueira; en Mondariz na EP-4301 Riofrío-Borbén e na EP-4303 Mondariz-Meirol; na CAñiza na EP-5002 A Cañiza-Mourentan; en Covelo na EP-5102 A Lamosa-A Franqueira-As Achas e na EP-5104 Maceira-Avión; en Crecente na EP-5304 Vilar-Albeos. En todas elas levaranse a cabo, ademais das cunetas, actuacións de saneado e fresado do firme para despois repor a capa de rodadura, obras de drenaxe de reposición e de sinalización se fose necesario.
“Nunha semana aprobamos 6,4 millóns de euros para garantir o óptimo estado dos 1.700 quilómetros de estradas provinciais e avanzar, así, na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”, remarcou o presidente Luis López. Así, aos 2 millóns aprobados para executar cunetas de seguridade hai que engadir os 4,4 millóns de euros aprobados a pasada semana para conservar o firme da rede viaria da Deputación de Pontevedra.