A Deputación organiza no Museo de Pontevedra o curso ‘Máis que Musas’, que en oito sesións vai cuestionar o papel da muller na historia da arte
Impartido pola profesora Marta Riera, comeza este martes cunha sesión dedicada a Élisabeth Vigée Lebrun, retratista de María Antonieta
01/02/2026
A Deputación pon en marcha no Museo de Pontevedra este martes un novo curso de divulgación cultural aberto a todos os públicos. Co título ‘Máis que Musas’, o curso está estruturado en oito sesións, cada unha dedicada a unha muller relevante na historia da arte, que se desenvolverá cada martes desde o 3 de febreiro ata o 24 de marzo, de 19:00 a 20:30 h no Edificio Castelao. O acceso é libre. Quen queira obter un certificado de asistencia deberá inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal e acudir como mínimo ao 70 % das sesións.
O curso será impartido pola profesora Marta Riera, doutorada en Belas Artes. Ao longo de oito semanas, cuestionará o papel da muller na historia canónica da arte. Para iso percorre diversos contextos culturais, xeográficos e temporais de mulleres vinculadas a distintas disciplinas artísticas, e analiza as súas experiencias vitais e o seu legado no presente. A primeira sesión, o martes 3 de febreiro, estará dedicada a Élisabeth Vigée Lebrun, retratista de María Antonieta. A ela seguirán Cecilia Beaux, Gabriele Münter, Eileen Gray, Barbara Hepworth, Peggy Guggenheim e Lee Miller, para pechar o curso o 24 de marzo cunha sesión dedicada a Maruja Mallo.
A través desta iniciativa búscase cuestionar como durante séculos o papel da muller na arte foi o de obxecto artístico e non o de suxeito, ou por que musa é un termo feminino e xenio é masculino. Este curso pon en cuestión a historia da arte dominante para dar a coñecer outras realidades menos transitadas no ámbito académico.
Marta Riera é doutora en Belas Artes, ilustradora, deseñadora gráfica, comunicadora e divulgadora cultural. Foi profesora asociada na Facultade de Belas Artes e profesora de Debuxo e Ilustración en Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia, en ambos os casos na Universidade de Vigo. Actualmente é profesora de Debuxo Artístico no CIFP de Cantería de Pontevedra; ademais, realiza conferencias e dinámicas a través da arte aplicadas ao ámbito empresarial, xunto con propostas divulgativas sobre historia da arte.
