A Deputación supervisa as melloras acometidas na estrada provincial EP-8004 Caldas de Reis-Vilanoviña, en Portas, onde se investiron máis de 45.000 €

O obxectivo desta actuación, xa rematada, era mellorar a seguridade viaria para os vehículos na intersección co camiño municipal que dá acceso ao lugar de Cachal e fomentar o uso do transporte público entre a veciñanza

22/04/2026

A Deputación supervisa as melloras acometidas na estrada provincial EP-8004 Caldas de Reis-Vilanoviña, en Portas, onde se investiron máis de 45.000 €

A deputada de Infraestruturas Belén Cachafeiro supervisou esta mañá xunto co alcalde de Portas e tamén deputado provincial, Ricardo Martínez, o resultado das melloras que se executaron na EP-8004 Caldas de Reis – Vilanoviña, no punto quilométrico 6+040, no concello de Portas. Unha actuación xa rematada, onde se investiron máis de 45.000 euros na mellora da seguridade viaria para os vehículos na intersección co camiño municipal que dá acceso ao lugar de Cachal e para o fomento do uso do transporte.

Tal e como explicou a deputada as obras incluíron dúas actuacións. Por unha banda, acondicionouse unha intersección estreita e sen visibilidade, que xeraba diariamente momentos de inseguridade viaria, e, pola outra, organizouse unha área reservada para os colectivos máis vulnerables, onde se situou ademais unha nova parada de autobús, acadando un maior espazo para a espera e desembarco do transporte público en condicións de seguridade para as persoas usuarias. Colocouse ademais nova luminaria LED para incrementar a visibilidade e seguridade nas noites e días de pouca luz.

Cachafeiro aproveitou a visita ao Concello de Portas para recordar outras actuacións que se fixeron en estradas provinciais que pasan pola vila, incluíndo os máis de 110.000 € investidos a través do Acordo Marco de Conservación de Firmes e do Acordo Marco para a Execución de Cunetas de Seguridade nos anos 2023 e 2024 ou o máis dun millón de euros da mellora da seguridade viaria nesta estrada provincial EP-8004 nun tramo de 8,2 km que descorre polos concellos de Caldas de Reis, Portas, Vilanova de Arousa e Meis, rematada en xullo de 2024. Ademais, a deputada provincial Belén Cachafeiro tamén adiantou que está en proceso de contratación a obra de mellora da drenaxe e seguridade viaria nesta mesma estrada, concretamente no treito antigo da Azucreira, cun orzamento de máis de 540.000 €, e en fase de expropiación o proxecto ensanche e acondicionamento da EP-8101 Portas-Romai, cun orzamento de licitación de preto de 1,4 millóns de euros.

Galerias de imaxes