A Deputación abre este luns o último prazo para inscribirse nos percorridos do programa provincial +Bosques deste ano con oito actividades en setembro

Esta iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques con percorridos por Pontevedra, Silleda, Valga, Barro e O Campo Lameiro

22/08/2026

A Deputación de Pontevedra abre este luns 24 de agosto ás 9:00 horas o prazo para inscribirse nos últimos percorridos deste ano do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá gozar das vantaxes dos baños de bosques. Nesta nova edición, as persoas participantes poderán gozar durante o mes de setembro de oito rutas por un total de seis espazos naturais da provincia, con grupos reducidos de unicamente 15 persoas. Os formularios de inscrición estarán dispoñibles a través do sitio web institucional, depo.gal.

Os últimos percorridos de +Bosques en 2026 desenvolveranse pola contorna do río Lérez (Pontevedra) os días 5 e 26 de setembro, pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 6 e o 27 de setembro, polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 12 de setembro, polas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) o 13 de setembro, polo parque natural do río Barosa (Barro) o 19 de setembro e, finalmente, polo río Maneses (O Campo Lameiro) o 20 de setembro. Cada día organizaranse dúas quendas, unha ás 10:00 e outra ás 10:30 horas.

Todas as visitas están adaptadas ao patrimonio natural e cultural de cada contorna e configúranse como experiencias terapéuticas e enriquecedoras. Nas actividades converxen tres aspectos: a educación ambiental como camiño para fomentar a conciencia relativa aos problemas ambientais, a promoción, conservación e protección do patrimonio natural e cultural, e mais a promoción da saúde. O obxectivo é que as persoas desconecten da rutina e se familiaricen con hábitos saudables que desencadean beneficios para o organismo.

+Bosques chegou este ano a sete espazos da costa e o interior da provincia para coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra, concretamente os espazos naturais do río Barosa (Barro), Carboeiro (Silleda), a illa de Tambo (Poio), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), o río Maneses (Campo Lameiro), o río Lérez (Pontevedra) e as fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga).

Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do baño de bosque e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.