Luis López sinala na conmemoración do 532 aniversario da Arribada da Carabela Pinta a Baiona o tirón da vila no liderado turístico das Rías Baixas

O presidente provincial participa, xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde e deputado, Jesús Vázquez Almuíña, na inauguración da XIX Festa da Arribada, unha cita de interese turístico internacional

01/03/2025

Luis López Arribada de Baiona 2025

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou as Rías Baixas como destino turístico de referencia no Norte de España durante a súa participación este sábado na inauguración da XIX edición da Festa da Arribada de Baiona, unha cita de interese turístico internacional que conmemora cada ano a chegada da carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, ao porto de Baiona o 1 de marzo de 1493 despois de formar parte da expedición que chegou por primeira vez a América.

Nun acto no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e acompañado polo alcalde de Baiona e deputado provincial así como por outros membros do goberno da Deputación, o presidente Luis López foi un dos encargados de realizar a tradicional ofrenda dunha coroa de laurel aos pés da estatua erixida na honra do navegante Martín Alonso Pinzón no paseo marítimo que leva o seu nome.

Na cerimonia inaugural, na que ademais do presidente Rueda e o rexedor Vázquez Almuíña, participaron os alcaldes da localidade granadina Santa Fe de la Vega, Juan Cobo; e da onubense Palos de la Frontera, Milagros del Rocío Romero; cidades marcadas tamén polo seu papel no descubrimento de América. O mandatario provincial destacou no seu discurso o papel de Baiona como cidade histórica pola Arribada da carabela Pinta, así como unha das grandes xoias das Rías Baixas. “Grazas a ese 1 de marzo de 1493, o Día da Arribada, Baiona é –e será por sempre— o quilómetro cero dunha historia colectiva, dun intercambio constante de experiencias e dunha irmandade cultural”, afirmou López.

Con motivo do recoñecemento desta cita como festa de interese turístico internacional, salientou o presidente Luis López o liderado das Rías Baixas como destino turístico de referencia no noroeste España cunha oferta desestacionalizada, ligada á cultura e ao deporte, e que promove o patrimonio natural dos 61 concellos que compoñen a provincia. “Unha forma de vivir referendada ano a ano polos que nos visitan, que antes de irse, xa están desexando volver.”, concluíu o presidente da Deputación, Luis López.

Galerias de imaxes