A Deputación leva o ciclo de Artes Vivas da Bienal ao Claustro do Edificio Sarmiento, en Pontevedra, coa actuación de Hugo Torres
O músico e compositor presentará a súa peza Baia Botánica o venres 12 de setembro ás 20:00 horas no edificio do Museo de Pontevedra
10/09/2025
A Deputación de Pontevedra avanza na programación do ciclo de Artes Vivas da Bienal cunha nova acción en Pontevedra. Comisariado por Iñaki Martínez Antelo, o ciclo está a percorrer diferentes puntos da provincia activando espazos urbanos, patrimoniais e industriais que se transforman en escenarios efémeros abertos ao público co obxectivo de conectar a creación contemporánea co territorio e os seus habitantes, favorecendo novos encontros e experiencias culturais. Neste ocasión, Baía Botánica, de Hugo Torres, chega este venres 12 de setembro ás 20:00 horas ao Claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.
O actor, músico, compositor e director artístico Hugo Torres (Viseu, Portugal) hai cinco anos descubriu un aparello que lle permitía traducir a pulsación vital das plantas en linguaxe musical, falar con elas e escoitar o que lle teñen que dicir. Deste xeito, Baía Botánica é unha conversa entre dúas especies, unha experiencia sónica entre un ser animal que tenta atopar o seu lugar no mundo e un ser vexetal que soamente busca o sol e a felicidade.
Hugo Torres comeza a súa traxectoria aos seis anos na compañía Trigo Limpo de Tondela. Nos anos noventa trasládase ao Porto, onde se licencia en Teatro e Interpretación na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo. Desde 1996 e ata 2006 forma parte do elenco estable do Teatro Nacional São João do Porto. A inicios do 2000 trasládase a Barcelona a estudar cinema no Centro de Estudos Cinematográficos de Cataluña e desde 2007 vive en Santiago de Compostela, onde fundou a compañía Voadora, da que foi director artístico con Marta Pazos ata o seu peche en 2022. Conta cun Premio María Casares á mellor música orixinal por Tokio3.
Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, coma climatoloxía adversa ou causas de forza maior.
Entrada libre ata completar a capacidade.
