A Deputación aconsella aplicar cobre en tempo seco para reducir o inóculo do mildio nas follas da vide antes de caer ao chan

Nas feixoas e nalgúns cítricos están a verse os efectos do ataque da mosca mediterránea da froita e detectáronse xa as primeiras consultas de castañas afectadas pola podre parda

10/10/2026

A Deputación aconsella aplicar cobre en tempo seco para reducir o inóculo do mildio nas follas da vide antes de caer ao chan

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, aconsella aplicar cobre en tempo seco e cando non faga vento para reducir o inóculo do mildio nas follas da vide antes de caer ao chan e facilitar o endurecemento ou agostado da madeira. Ademais, o centro dependente da institución provincial tamén recomenda eliminar os brazos mortos por patoloxías de madeira e ir podando as plantas con cortes limpos, sen rachos, en bisel e con tesoiras desinfectadas.

Naquelas froiteiras nas que xa se teña finalizada a colleita, Areeiro aconsella revisar a presenza de cancros e eliminar as ramas afectadas, protexendo os cortes maiores cunha pasta feita cun funxicida cúprico. No que respecta ao kiwi, recoméndase colleitar coidadosamente os froitos en tempo seco e, unha vez rematada a colleita, aplicar un tratamento cúprico.

Nas feixoas e nalgúns cítricos estanse a ver os efectos do ataque da mosca mediterránea da froita, cuxas larvas se alimentan da polpa e causan a podre e caída prematura dos froitos. Neste caso, Areeiro asegura que, a día de hoxe, non hai posibilidade de controlar esta praga aínda que se poden instalar ao longo da campaña trampas para reducir o número de adultos e realizar aplicacións fitosanitarias con insecticidas autorizados.

Ademais, o centro dependente da Deputación de Pontevedra asegura que xa se detectaron as primeiras consultas relativas ás castañas afectadas pola podre parda, un fungo que causa a podre interna da castaña e pode provocar a caída prematura dos ourizos e necroses ou cancros nas ramas. Neste caso, para reducir o inóculo para a seguinte campaña, cómpre retirar e destruír os ourizos caídos ao chan e a madeira morta.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.