A Deputación fai balance de Liña Conecta Rural, un proxecto piloto que une en autobús O Campo Lameiro, Moraña, Portas e Pontevedra e desde a súa posta en marcha foi empregado por máis de 3.100 persoas
A iniciativa arrancou en abril co obxectivo de ofrecer á veciñanza destes tres concellos de reto demográfico da provincia un sistema de transporte público colectivo gratuíto para desprazarse á capital
05/09/2026
A Deputación de Pontevedra fai balance de Liña Conecta Rural, un proxecto piloto de autobuses gratuítos valorado en máis de medio millón de euros que une O Campo Lameiro, Moraña e Portas con Pontevedra e que desde a súa posta en marcha en abril deste ano foi empregado xa por máis de 3.100 persoas. A iniciativa, que captou fondos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e púxose en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia e estes tres concellos de reto demográfico da provincia, ten por obxectivo ofrecer á veciñanza un sistema de transporte público colectivo a través de dúas liñas gratuítas de autobús por estrada para desprazarse á capital.
Liña Conecta Rural estreouse o 13 de abril con viaxes de luns a venres a través de dúas liñas de autobús: unha desde Portas e outra desde O Campo Lameiro e Moraña que levan aos usuarios desde os seus núcleos de poboación ata a cabeceira do seu concello ou ata Pontevedra con paradas no Hospital Montecelo, os Xulgados da Parda ou o barrio de Campolongo, onde están os edificios administrativos da Xunta de Galicia. Desde a súa posta en marcha e ata finais do mes de agosto, a liña de autobús que une O Campo Lameiro e Moraña con Pontevedra foi empregada xa por 2.112 veciñas e veciños e a de Portas por 1.004 persoas, acumulando un total de 3.116 cunha media de usuarios diarios que supera a cifra de 35 veciñas e veciños.
Desde o Concello de Campo Lameiro, que conta con sete paradas, están operativas tres expedicións en sentido de ida con horarios de saída ás 08:15, 11:40 e 15:10 horas, así como tres expedicións de volta con saídas ás 07:35, 11:00 e 14:30 horas. Un autobús que pasa tamén polo Concello de Moraña, que conta con cinco paradas, con horario de saída ás 6:30, 10:00 e 13:30 horas, e de retorno ás 09:05, 12:30 e 16:00 horas. Por outro lago, a liña de Portas, que dispón de 13 paradas, parte cara Pontevedra ás 7:15, 9:30, 11:30 e 13:30 horas, mentres que os servizos de regreso están programados para as 08:15, 10:30, 12:30 e 14:30 horas.