A Deputación leva 40 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar a partir deste domingo
Veciños e veciñas de 14 concellos da provincia gozarán de estancias no Hotel Carlos I Silgar, en Sanxenxo, con actividades de ocio saudable e envellecemento activo
22/11/2025
40 persoas de 14 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar con estadías no Hotel Carlos I Silgar, en Sanxenxo. En concreto, trátase de veciños e veciñas dos concellos de Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Crecente, A Estrada, Gondomar, Mos, Pontevedra, Poio, O Porriño, Portas, Redondela, Tomiño e Tui.
No marco do programa de termalismo +Benestar, preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo, Cangas do Morrazo ou Pontevedra.