Rafa Domínguez convida a reflexionar sobre a Intelixencia Artificial no ciclo Conversas con arte, no que Alberto Barreiro deu a coñecer o proxecto “Máquinas de Invocar”

“O noso obxectivo con este ciclo é achegar á cidadanía as grandes figuras da cultura galega, apoiar, impulsar e promocionar o renacemento cultural que está a vivir Galicia e servir como tribuna de análise de cuestións de actualidade”, subliñou o vicepresidente

25/04/2025

Rafa Domínguez en Conversas con Arte no pazo provincial

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou no Salón de Plenos do Pazo provincial a quinta das conferencias do ciclo “Conversas con arte”, que foi protagonizada polo artista pontevedrés Alberto Barreiro. Rafa Domínguez subliñou que o obxectivo deste ciclo, que arrancou a súa segunda edición coa conferencia de Barreiro, é “achegar á cidadanía as grandes figuras da cultura galega, apoiar, impulsar e promocionar o renacemento cultural que está a vivir Galicia e servir como tribuna de análise de cuestións de actualidade”. Neste eido, o vicepresidente provincial convidou a reflexionar sobre a Intelixencia Artificial e a súa relación coa arte a través dos apuntamentos do artista pontevedrés.

“Conversas con arte” responde, ademais, a unha aposta persoal de Rafa Domínguez a través do Museo de Pontevedra para “seguir avanzando no posicionamento da provincia como lugar cultural por excelencia e difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden tanto na provincia como no conxunto de Galicia. E nada mellor para avanzar neste camiño –engadiu Domínguez- que coa reflexión, co debate, coa análise da man de Barreiro, estratega ademais de artista, que leva máis de tres décadas explorando a creación e o cultivo de significado a través da arte, o deseño, o emprendemento, a educación e a consultoría estratéxica”.

Alberto Barreiro toma a remuda de artistas como José María Barreiro, Antón Pulido, César Antonio Molina e Gervasio Sánchez, participantes na primeira edición de Conversas con arte. Na súa conferencia, que proximamente estará dispoñible en formato vídeo e pódcast a través das plataformas YouTube e Spotify, presentou “Máquinas de Invocar”, un proxecto artístico que transforma a Intelixencia Artificial nunha ferramenta poética capaz de cultivar significado e afondar na conexión humana, resignificando a tecnoloxía como creadora de beleza e sentido.  

Barreiro formouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e traballou en organizacións como Yahoo!, a canle de televisión británica ITV ou o Grupo Prisa, e desenvolveu metodoloxías innovadoras de combinación de arte, deseño e tecnoloxía a través de proxectos propios como “Webjam” ou “Meaning”. É Director de Transformación Creativa en VML The Cocktail, codirector do programa “Become” en Kaospilot (Dinamarca), profesor de Deseño Estratéxico no Instituto de Empresa de Elisava (Facultade de Deseño e Enxeñería de Barcelona) e colaborador en El País Retina.

 

Galerias de imaxes

videos