A Deputación apoia a celebración en Vigo do primeiro DEKA do noroeste peninsular, que prevé a participación de 1.200 deportistas

O evento de fitness competitivo celebrarase o 27 de xuño no Ifevi e combinará participación amateur e elite

09/06/2026

A Deputación apoia a celebración en Vigo do primeiro DEKA do noroeste peninsular, que prevé a participación de 1.200 deportistas

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, anunciou este martes que Vigo será sede da competición de fitness DEKA, que recalará no Ifevi o vindeiro 27 de xuño. Deste xeito, e grazas ao apoio da institución provincial, a cidade olívica converterase na primeira do noroeste peninsular en acoller un evento deste tipo, consistente en dez probas que se combinan con carreiras de distancia variable que poden seleccionar os propios deportistas.

Remo, saltos sobre caixas, zancadas inversas, abdominais con lanzamento de balón, paseos con pesos, air bike, burpees ou empuxe de zorra son algunhas das probas que se teñen que intercalar durante a competición con carreiras de ata 500 metros.

Durante a presentación do DEKA Vigo, que tivo lugar no club de fitness X One Box, Luisa Sánchez estivo acompañada da directora de Deportes, Xisela Aranda; o CEO de DEKA España, Ángel Sanz; o director do Ifevi, Arsenio Prieto; e a directora de DEKA Vigo, María Estévez. No acto, a representante provincial na cidade olívica destacou a importancia desta cita tanto pola súa dimensión deportiva como polo seu impacto económico e turístico para a cidade.

“Estamos a falar dunha proba que debuta no norte de España e que o vai facer ao grande”, sinalou a vicepresidenta, quen puxo en valor a capacidade de mobilización da competición, que prevé reunir arredor de 1.200 deportistas. Neste sentido, subliñou que a aposta da Deputación de Pontevedra polo turismo deportivo “non é un slogan, senón unha estratexia” e que o DEKA encaixa “á perfección” nos obxectivos da institución provincial, que está a captar grandes eventos nacionais e internacionais.

Durante a presentación tamén houbo palabras de agradecemento para a organización por escoller Vigo como sede da primeira edición de DEKA no norte peninsular. “Tiña moitas provincias para escoller, pero elixiu a provincia do deporte”, afirmou a Luisa Sánchez.

Para todos os públicos

A vicepresidenta puxo ademais o foco no carácter integrador da competición, xa que DEKA “rompe o mito” de que este tipo de probas están reservadas unicamente para atletas profesionais. Así, lembrou que a cita permitirá participar tanto a deportistas de elite que buscan clasificacións internacionais como a persoas afeccionadas de todas as idades. “Cada persoa compite contra si mesma, contra os seus límites e contra as súas escusas”, destacou.

Nesta liña, Ángel Sanz salientou que DEKA “é máis que unha competición” porque “democratiza o fitness” e converte ás cidades do circuíto nacional en “destinos de deporte e saúde”, non só polo amplo público obxectivo da proba senón tamén porque cada persoa pode escoller o nivel no que participa e a modalidade (individual ou en equipo). A inscrición para o evento está dispoñible na páxina web de DEKA.

Galerias de imaxes