A Deputación reúne persoal técnico de Xuventude dunha trintena de concellos para enfocar as súas estratexias na mellora da saúde mental da mocidade
O deputado de Xuventude, Jorge Cubela, deu a benvida á xornada práctica do obradoiro do programa Foco Xuventude, que foi impartida no Edificio administrativo da Deputación polo Doutor en Psicoloxía Joaquín Dosil
02/02/2026
O deputado de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Deputación, Jorge Cubela, deu a benvida este luns ao persoal técnico dos 27 concellos da provincia que están a participar no primeiro obradoiro do novo programa Foco Xuventude, centrado na saúde mental. O Edificio administrativo da Deputación acolleu a xornada práctica de “Construíndo benestar: estratexias en saúde mental” –despois da teórica telemática que se celebrou o pasado luns–, unha iniciativa incluída no primeiro Plan Estratéxico de Xuventude da institución provincial e que nace do diálogo co persoal dos concellos para atender as súas necesidades por orde de prioridade.
O deputado provincial sinalou a gran satisfacción coa acollida a Foco Xuventude e remarcou o carácter participativo do que nace a iniciativa. “Axudástesnos a deseñalo ao trasladarnos as vosas inquedanzas e preocupacións, e debatendo sobre cal sería a mellor forma de darlle resposta”, asegurou Jorge Cubela, que lembrou que o obxectivo deste primeiro obradoiro sobre saúde mental é proporcionar coñecementos e ferramentas prácticas para a promoción da saúde mental entre a mocidade, a detección temperá de indicadores de risco e o manexo de primeiras respostas.
Jorge Cubela lembrou que “segundo a OMS, arredor do 15% dos adolescentes sofre algún tipo de trastorno mental e moitos deles non reciben nin o recoñecemento nin o tratamento que requiren”. Ademais fixo fincapé na “súa especial vulnerabilidade a situacións como a exclusión social ou as condutas de risco, favorecida pola presión social á que se ven moitos deles sometidos, ou á exploración da súa propia identidade, que adoita vir acompañada de moitas inseguridades”. Ante isto, o deputado de Xuventude e Reto Demográfico avogou por “protexelos, axudalos na súa aprendizaxe social e afectiva, promover o seu benestar, dotalos dunha contorna favorable e protectora, tanto na familia como na escola e o conxunto da súa comunidade”. Cubela tamén amosou a vontade continuar esta liña de colaboración para “seguir promovendo unha formación de calidade para reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos para mellorar a vida da nosa mocidade”.
En “Construíndo benestar: estratexias en saúde mental” participou persoal técnico dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Lama, Meis, Mondariz-Balneario, Mos, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Portas, O Rosal, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior e Vilanova de Arousa. Nesta xornada técnica, impartida polo doutor en Psicoloxía Joaquín Dosil, abordáronse o contexto para o traballo con persoas de risco, a prevención de situacións de risco e a intelixencia emocional, e tamén xogos de rol de entrevistas a familias e mozos con dificultades.
O ciclo Foco Xuventude busca dar apoio técnico ao persoal dos municipios dando resposta á súa solicitude de formación en temas esenciais para mellorar, por unha banda, o asesoramento que presta á xuventude e, pola outra, a orientación das súas iniciativas. A programación está deseñada para reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos dirixidos á mocidade nos concellos da provincia, e continuará proximamente con accións centradas nas novas tecnoloxías e os programas europeos. A Deputación de Pontevedra promove así unha formación de calidade que impulse o coñecemento sobre a realidade xuvenil, para optimizar os recursos e actuacións dirixidas a este colectivo.
