Luis López anuncia a aprobación de máis de medio millón de euros do Plan +Provincia para Cerdedo-Cotobade, As Neves, Oia, Pazos de Borbén e Pontecesures

“Con estes recursos, distribuímos xa 640.000 € nun mes desde que puxemos a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes os 85 M€ do Plan +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”, subliñou o presidente

06/02/2026

Luis López acaba de anunciar a aprobación de máis de medio millón de euros para Cerdedo-Cotobade, As Neves, Oia, Pazos de Borbén e Pontecesures ao abeiro do Plan +Provincia. “Con estes recursos -subliñou o presidente da Deputación- distribuímos xa 640.000 € nun mes desde que puxemos a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes os 85 M€ do Plan +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”.

Ao detalle, Cerdedo-Cotobade recibe 125.000 euros da liña 1, de investimentos, do plan para financiar o proxecto de expropiación do plan especial de infraestruturas e dotacións para a ordenación da zona verde. E, os 380.000 € restantes, trátanse de recursos da liña 3, de fomento do emprego, que irán destinados a Pontecesures, Pazos de Borbén, Oia e As Neves.

Pontecesures recibe preto de 60.000 para contratar tres persoas desempregadas: 2 peóns de obras públicas e 1 limpador; Pazos de Borbén, 93.000 € para contratar a 12 persoas: 11 peóns de obras públicas e 1 auxiliar administrativo; Oia 105.000 € para contratar a 7 persoas: 4 peóns forestais, 2 albaneis e 1 condutor; e As Neves 125.000 € para contratar 9 persoas desempregadas: 3 peóns forestais, 2 peóns de obras, 2 peóns de recollida de lixo, 1 fontaneiro e 1 animador.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.