A Deputación e a Xunta salientan a gran acollida das visitas ao Teatro Cine Fraga, con 1.800 persoas e unha trintena de colectivos participantes
A apertura do Cine Fraga a visitantes no pasado mes de outubro evidencia unha elevada demanda por parte de colectivos e cidadáns, con 1.800 rutas completadas e máis de 700 concertadas, que motivou a ampliación das visitas a tres quendas dous días á semana
18/03/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, José López Campos, salientan a expectación que está a xerar na cidade de Vigo o proxecto de reapertura do Cine Fraga que están a impulsar en conxunto a Deputación e a Xunta de Galicia. Un interese que queda constatado co éxito de participación que están a ter as visitas institucionais ao inmoble iniciadas no mes de outubro e que van camiño de chegar ás 3.000 persoas. “Desde a apertura do Cine Fraga en outubro do 2025 ás visitas do público foron preto de 1.800 as persoas que percorreron as instalacións deste histórico edificio e contamos xa con outras 710 persoas con reserva agardando para completar a visita”, explicou o mandatario provincial nunha visita ao edificio que serviu para anunciar que no vindeiro mes de abril será presentado o proxecto de execución das obras de rehabilitación do Cine Fraga para poder licitar as obras antes do verán.
O presidente Luis López e o conselleiro de Cultura, José López Campos, percorreron este mércores as instalación deste emblemático edificio de titularidade compartida entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra acompañados pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz. Ambos os organismos teñen previsto presentar no mes de abril o proxecto de execución para a rehabilitación do teatro realizado polo equipo do arquitecto César Portela e co que se iniciará o trámite para licitar as obras antes do verán. “Cumprimos coa palabra dada de recuperar este espazo emblemático para todos os vigueses e galegos e tamén estamos a cumprir cos trámites e prazos para transformalo nun espazo cultural de primeiro nivel e epicentro cultural do noroeste peninsular”, salientaron os dous representantes institucionais.
Así, o dirixente provincial celebrou a boa acollida que está a ter no conxunto da cidadanía viguesa e de toda a provincia os avances na tramitación da reforma do Cine Fraga. Un entusiasmo que se reflexa no éxito que están a ter as visitas institucionais tanto entre a poboación xeral como entre os colectivos que motivou a ampliación das quendas para as visitas a tres franxas horarios cada mércores e cada sábado. “Sobresae o enorme interese que está a captar entre os colectivos, tanto veciñais como culturais. Neste tempo son máis de 30 as asociacións ou centros educativos que concertaron unha visita, 24 xa a fixeron e 8 farana proximamente. Ademais, algunhas das visitas que pasaron por aquí fixéronnos especial ilusión, como o porteiro do cine en 1986 ou os bisnetos de Isaac Fraga”, recoñeceu o mandatario provincial, quen sostén que “a resposta da cidade está a corroborar que foi un acerto por parte da Xunta de Galicia e a Deputación”.
Avances na tramitación administrativa da rehabilitación
Así, o conselleiro de Cultura do Goberno galego confirmou que xa está presentada a redacción do proxecto básico das obras por parte do equipo de César Portela, a quen se lle adxudicou á recuperación do Teatro Cine Fraga por ser o propietario intelectual da intervención orixinal e director da actuacións xa executadas no inmoble. ”Estase ultimando o proxecto de execución, que se prevé presentar no vindeiro mes de abril”, puntualizou López Campos antes de afirmar que “o obxectivo é licitar as obras no primeiro semestre deste 2026, a previsión é que se resolva antes de que remate o ano ou a principios do que vén”, adiantou.
Ademais destes trámites para avanzar na recuperación do inmoble, o responsable de Cultura da Xunta tamén informou de que xa se inventariou o material patrimonial do interior do Teatro Cine Fraga, que foi trasladado por ambas as dúas administracións a un almacén no Porriño “co obxecto de proceder a súa restauración e integralos de novo no inmoble”. Entre estes bens, atópase o órgano de cine, “único existente en España para acompañar as proxeccións e que vai volver a súa casa nas mellores condicións como alma e testemuña viva da súa historia”, aseverou.
A recuperación que proxectan a Xunta e a Deputación de Pontevedra do Cine Fraga pasa por transformalo nun espazo arquitectónico que permita desenvolver unha programación cultural á altura das necesidades da veciñanza de Vigo e de Galicia. Con este obxectivo, converterase este edificio emblemático de 7.000 metros cadrados “nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular”. Para iso, lembraron, xa se conta cunhas liñas estratéxicas definidas e un plan de usos perfilado, para o que volveron agradecer o papel das achegas feitas pola cidadanía a través da campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido.