A Deputación repartirá preto de 2,6 M€ do II Plan Extra para financiar obras estratéxicas en Bueu, Cangas do Morrazo e Moaña

Estes recursos provinciais completarán actuacións nestes tres concellos que mobilizarán máis de 3,5 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio

18/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de activar as engrenaxes para distribuír os recursos do II Plan Extra, con preto de 2,6 millóns de euros para que os concellos de Bueu, Cangas do Morrazo e Moaña se sumen á modernización da provincia. Estes recursos provinciais completarán actuacións nestes tres concellos que mobilizarán máis de 3,5 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio. As contías do II Plan Extra serán aprobadas no Pleno ordinario do organismo provincial deste mes de marzo, que terá lugar o venres 27, grazas á estabilidade política da provincia.

O Concello de Bueu recibirá preto de 600.000 euros para financiar a humanización da contorna da rúa Nova de Arriba, en Beluso, que conta cun orzamento global de preto de 800.000 euros. No caso de Cangas do Morrazo, beneficiarase de preto de 1,1 millóns de euros para facer fronte á humanización da contorna do centro de saúde, a rúa Ferrol, Gondomar e Redondela, cuxo orzamento supera os 1,5 millóns de euros. Finalmente, ata Moaña chegarán preto de 900.000 euros do II Plan Extra da Deputación de Pontevedra e servirán para que o goberno local financie parte da mellora do cemiterio municipal que ascende aos preto de 1,2 millóns de euros.

No conxunto da provincia benefícianse do II Plan Extra 57 concellos da provincia que recibirán preto de 37 millóns de euros para impulsar proxectos estratéxicos locais que supoñen melloras relevantes en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos, teñen transcendencia en sectores de ámbito local, supramunicipal ou comarcal, incentivan o desenvolvemento do territorio, atraen e fixan poboación, teñen un compoñente vertebrador e fomentan a igualdade de oportunidade entre o rural e urbano.