A Deputación confirma que durante a Semana Santa visitaron os castelos de Soutomaior e Sobroso preto de 2.100 persoas

Entre os visitantes rexistrados destacaron os procedentes de Madrid, Castela e León, Euskadi, Andalucía e A Rioxa e, entre os estranxeiros, de Portugal, Reino Unido e Arxentina

22/04/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de pechar o rexistro de visitantes de Semana Santa aos castelos de Soutomaior e Sobroso, que foron percorridos por preto de 2.100 persoas. Entre os visitantes rexistrados destacaron os procedentes de Madrid, Castela e León, Euskadi, Andalucía e A Rioxa e, no que respecta aos estranxeiros, os que chegaron de Portugal, Reino Unido e Arxentina.

Para a deputada de Turismo, Nava Castro, “son uns datos moi positivos, en liña cos rexistrados o pasado ano, e que poñen de manifesto que os castelos e o interior da provincia son dous grandes focos de atracción e concentración de visitantes”. Castro enmarcou estes resultados ademais na “aposta que estamos a facer polo turismo do interior, eixo de promoción da nosa campaña deste ano, Cando volves?” e fixo fincapé tamén nas cifras de estranxeiros rexistrados, que “revalida que o obxectivo de internacionalizar a provincia de Pontevedra vai pouco a pouco dando os seus froitos”.

Ata o Castelo de Soutomaior chegaron 1.345 persoas e ao de Sobroso preto de 720. A maioría delas escolleron a opción de visita guiada en grupo, un 35%, seguida das visitas individuais, un 33%. Tamén se rexistraron grupos de familias (preto dun 20%) e de persoas maiores de 65 anos (11%). En ambos casos, preto da metade dos visitantes acudiu por vez primeira aos castelos.

No que respecta á procedencia, preto do 40% dos visitantes do Castelo de Soutomaior chegaron desde Madrid, Castela e León, Euskadi, Andalucía, Portugal e o Reino Unido. Pola súa banda, en Sobroso o 26% dos visitantes proviña de Madrid, Castela e León, A Rioxa, Portugal e Arxentina.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.