A Deputación abre inscricións para participar o 22 de novembro na Entre Pontes Trail & Running, en Pontevedra

Rafa Domínguez destaca o éxito de participación das catro probas anteriores do circuíto e anima aos pontevedreses a sumarse a unha xornada que combinará carreira, andaina, probas infantís e gastronomía

02/11/2026

A Deputación abre inscricións para participar o 22 de novembro na Entre Pontes Trail & Running, en Pontevedra

A cidade de Pontevedra será o próximo domingo 22 de novembro o escenario da quinta parada do circuíto Entre Pontes Trail & Running da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que está a superar todas as expectativas de participación nesta primeira edición, con todas as prazas esgotadas nas citas celebradas ata o momento. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, presentou hoxe a proba 10K no exterior do Pazo Provincial, acompañado pola directora de Deportes, Xisela Aranda, e a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías.

Domínguez amosou a súa satisfacción pola acollida do circuíto, que está a completar as súas seis citas previstas cunha resposta extraordinaria da cidadanía. “Entre Pontes está sendo un éxito. Estamos esgotando as inscricións en moi pouco tempo e superando todas as expectativas”, destacou o vicepresidente, quen subliñou que esta nova cita permitirá “presumir unha vez máis de que estamos na provincia do deporte”.

A proba pontevedresa partirá do exterior do Pazo Provincial e percorrerá diferentes paisaxes urbanas e naturais da cidade. A carreira principal estará acompañada dunha andaina popular, probas para a rapazada e unha zona de convivencia con food trucks, co obxectivo de converter a xornada nunha celebración deportiva aberta a toda a familia.

“Queremos que sexa unha xornada festiva, na que poidan desfrutar persoas de todas as idades. Haberá deporte, inclusión, diversión e tamén unha zona de food trucks para gozar da nosa gastronomía. Estamos moi contentos co éxito colectivo que está a ter esta iniciativa e estamos convencidos de que a miña cidade responderá con creces”, sinalou Rafa Domínguez.

A cita contará cun máximo de 500 participantes na carreira principal e outras 300 prazas para as actividades paralelas, ata completar un total de 800 persoas. O vicepresidente provincial animou á cidadanía a inscribirse canto antes, lembrando que “as prazas son limitadas e, vendo o rápido que se esgotaron nas anteriores probas, recomendamos non esperar demasiado”.

Pola súa banda, a directora de Deportes, Xisela Aranda, puxo en valor a experiencia que ofrece o circuíto, destacando a combinación de “experiencia deportiva, contorna espectacular e ambiente sensacional. Entre Pontes permite unir persoas, experiencias e a provincia a través de algo que nos apaixona a todos”.

O deporte como ferramenta para descubrir a provincia

Entre Pontes Trail & Running nace coa vontade de achegar o deporte ao territorio e descubrir a provincia de Pontevedra a través da carreira e do trail. O circuíto xa pasou por Vilanova de Arousa, Vigo, Gondomar e Cerdedo-Cotobade, onde este domingo se completaron as 800 prazas dispoñibles, e continuará en Pontevedra o 22 de novembro e en Moaña no mes de decembro.

A iniciativa busca descentralizar as actividades deportivas, fortalecer a economía local, promover Pontevedra como destino para a práctica do deporte ao aire libre e avanzar cara a un modelo de actividade física sostible e conectado coa natureza.

“Seguimos impulsando a provincia do deporte, situando esta área entre as nosas prioridades e cunha mirada transversal que chega aos clubs, ás persoas deportistas e aos concellos”, concluíu Domínguez.

A Deputación convida a toda a cidadanía a participar nesta quinta parada do circuíto e encher Pontevedra de deporte, saúde e diversión o próximo 22 de novembro. As inscricións están dispoñibles desde hoxe na web https://www.depo.gal/es/-/entre-pontes-trail-running.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.