A Deputación abre este luns o prazo de adhesión ao Consorcio Erasmus+ 2026 para seguir impulsando a mobilidade internacional do alumnado da provincia

Os centros de Educación e Formación Profesional que desexen formar parte do consorcio de mobilidade liderado pola Deputación de Pontevedra, teñen que presentar as súas solicitudes antes do 15 de decembro a través da sede electrónica da institución provincial

30/11/2025

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 1 de decembro, o prazo para que os centros de Educación e Formación Profesional da provincia que o desexen poidan adherirse ao Consorcio de Mobilidade internacional da institución provincial. O obxectivo é presentar conxuntamente unha solicitude de financiamento no marco do Proxecto Erasmus+ 2026 ao Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) e  mellorar así as oportunidades de emprego do alumnado a través de mobilidades europeas. O prazo de adhesión remata o próximo 15 de decembro e debe formalizarse a través da sede electrónica da Deputación.

O novo consorcio tomará a remuda do actual, do que forman parte 43 centros educativos de 24 concellos da provincia (Caldas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, A Cañiza, A Estrada, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Moaña, As Neves, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa), e para poder formar parte deberán impartir especialidades de grao básico e medio de Formación Profesional e certificados de profesionalidade dos niveis I, II e III. Coa súa participación no Erasmus+, a Deputación impulsa que o alumnado da provincia recentemente titulado, así como docentes, realice mobilidades en países europeos para realizar prácticas profesionais en empresas e organizacións do estranxeiro e completar a súa formación. As bases completas da convocatoria están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O obxectivo xeral do Programa Erasmus+ é apoiar, mediante a aprendizaxe permanente, o desenvolvemento educativo, profesional e persoal das persoas no ámbito da educación e a formación, a mocidade e o deporte, tanto dentro como fóra de Europa, a fin de contribuír ao crecemento sostible, ao emprego de calidade, á cohesión social, a impulsar a innovación e a reforzar a identidade europea e a cidadanía activa. O proxecto terá unha duración inicial de 15 meses, con posibilidade de prórroga ata os 24 meses, e as estadías levaranse a cabo en diferentes períodos a concretar. As persoas beneficiarias poderán realizar a mobilidade nun dos países do programa Erasmus+, entre os que se atopan Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, República Checa, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía e Suecia, así como a República de Macedonia do Norte, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Turquía e Serbia.