A Deputación leva este sábado a obra Flash de Dani García ata Mondariz Balneario dentro do ciclo +Escénicas

A Deputación leva este sábado a obra Flash de Dani García ata Mondariz Balneario dentro do ciclo +Escénicas

15/07/2026

A Deputación leva este sábado a obra Flash de Dani García ata Mondariz Balneario dentro do ciclo +Escénicas

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 18 de xullo ata Mondariz Balneario a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo “Flash”, de Dani García, que se representará ás 20:00 horas nos xardíns do Gran Hotel.

“Flash” presenta unha historia arredor dun fotógrafo ambulante de hai máis dun século que tenta exercer a súa profesión: preparar a cámara, buscar a luz perfecta, ordenar os seus improvisados modelos e capturar instantes únicos. Pero os obxectivos cobran vida, as imaxes rebélanse, o tempo estírase e dóbrase e cada fotografía convértese nunha pequena aventura. O espectáculo, converte as nenas e nenos en protagonistas, nunha sucesión de escenas nas que a maxia, o humor e o teatro xestual se mesturan.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.