A Deputación esgota as 50 prazas para participar este xoves 24 nunha visita guiada ao Complexo Intermareal Umia-O Grove para descubrir os seus valores naturais
A actividade estará guiada por persoal de SEO/Birdlife, que fará un percorrido para coñecer as aves da zona, as súas principais ameazas e as actuacións de conservación impulsadas pola Deputación a través do proxecto europeo Biocosteiro
19/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de esgotar as 50 prazas para participar nunha visita guiada interpretativa ao Complexo Intermareal Umia – O Grove o vindeiro xoves 25 de setembro. Trátase dunha actividade coa que o organismo provincial quere achegar á cidadanía a riqueza natural deste espazo e dar a coñecer o traballo de conservación desenvolvido no marco do proxecto europeo Biocosteiro.
A actividade estará guiada por SEO/BirdLife e combinará a interpretación ambiental do territorio coa observación das numerosas especies de aves que utilizan este espazo. Deste xeito, a través desta iniciativa, as persoas participantes coñecerán mellor un dos enclaves naturais máis destacados da provincia, con presenza de importantes poboacións de aves migratorias, así como as súas principais ameazas e as actuacións desenvolvidas para contribuír á súa conservación.
A actividade enmárcase no proxecto Biocosteiro, impulsado pola Deputación de Pontevedra coa colaboración de SEO/Birdlife e Viana de Castelo (Portugal). Desenvólvese ao abeiro do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 e ten por obxectivo traballar na conservación e posta en valor da franxa marítimo-terrestre do espazo transfronteirizo entre a provincia de Pontevedra e Viana do Castelo, un territorio de gran riqueza ambiental, paisaxística, cultural e etnográfica que conta con hábitats de elevado valor ecolóxico, pero que tamén afronta desafíos como a transformación dos ecosistemas ou a expansión de especies exóticas invasoras.
Con esta visita ao Complexo Intermareal Umia-O Grove, a Deputación pecha as actividades do proxecto Biocosteiro achegando o seu coñecemento e os resultados do traballo desenvolvido á cidadanía, coa intención de favorecer unha maior sensibilización sobre a conservación destes espazos e sobre a importancia de protexer os seus valores naturais.