A Deputación esgota en media hora as prazas para participar en Catas con Historia, as xornadas para achegarse ao Castelo de Soutomaior e aos viños da D.O. Rías Baixas
As actividades terán lugar os días 6, 12 e 20 de agosto ás 19:30 horas da man do sommelier Jacobo Rivas, que asina a selección completa dos viños de cada cita
31/07/2026
A Deputación de Pontevedra esgotou en media hora as 45 prazas, 15 para cada cita, para participar nas Catas con Historia, as tres xornadas para achegarse ao Castelo de Soutomaior e aos viños da D.O. Rías Baixas. As actividades terán lugar os días 6, 12 e 20 de agosto ás 19:30 horas e serán a cargo do sommelier Jacobo Rivas, que asina a selección completa dos viños de cada unha das propostas.
As Catas con Historia comezan o 6 de agosto coa xornada “Rías Baixas de norte a sur”. Trátase dunha cata horizontal que percorre as cinco subzonas da D.O. Rías Baixas (Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior) para amosar como o chan e a proximidade ao mar transforman o albariño de outras variedades autóctonas. A cata contará con maridaxe de produto local de tempada.
O 12 de agosto o programa continúa con “A eclipse no viñedo”, unha cita que combina a cata coa observación da eclipse solar, cuxo momento álxido chega ás 20:29 horas. A sesión avanza “de luz a sombra”, dos viños máis novos e luminosos aos de maior crianza, mentres todas as persoas asistentes contarán con material homologado para seguir a eclipse, da que haberá unha breve explicación. A cata, ao igual que a anterior, contará con maridaxe de produto local de tempada.
Finalmente, o 20 de agosto, terá lugar “O reto do sommelier”, unha cata a cegas por parellas ou pequenos grupos, guiada con pistas de Jacobo Rivas e combinada con produto local de tempada. Trátase dun formato lúdico e participativo e dunha cita co viño, coa memoria e a paisaxe.