A Deputación esgota en tres horas as prazas para participar na carreira e na andaina de Entre Pontes Trail & Running que acollerá o 22 de novembro Pontevedra

En total, 650 persoas están inscritas na carreira de 10 quilómetros e na andaina de 5 quilómetros. Aínda quedan prazas para participar na carreira infantil

03/11/2026

A Deputación de Pontevedra esgota en tres horas as prazas para participar na carreira e na andaina de Entre Pontes Trail & Running, que acollerá o 22 de novembro a capital da provincia. Son en total 650 as persoas que están xa inscritas, 500 na carreira de 10 quilómetros e outras 150 na andaina de 5 quilómetros. Aínda quedan prazas para participar na carreira infantil.

“Dicía onte, cando presentaba a proba, que a miña cidade ía responder con creces e non me equivocaba”, remarcou o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, quen engadiu que “Pontevedra implícase ao máximo en todo o que ten que ver con probas deportivas e esta é unha manifestación máis”. A proba pontevedresa partirá do exterior do Pazo Provincial e percorrerá diferentes paisaxes urbanas e naturais da cidade. A carreira principal estará acompañada dunha andaina popular, probas para a rapazada e unha zona de convivencia con food trucks, co obxectivo de converter a xornada nunha celebración deportiva aberta a toda a familia.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación e tamén responsable do servizo de Deportes, Luisa Sánchez, asegurou que o elevado interese da cidadanía por estas actividades deportivas “revalida, unha vez máis, que somos a provincia do deporte”. Ademais, Luisa Sánchez recordou que, nestes momentos, soamente quedan 22 prazas das 150 ofertadas para a carreira infantil e lembrou que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de novembro.

Entre Pontes Trail & Running é un novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10k e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas de actividades paralelas como andainas e carreiras infantís. Os obxectivos deste programa, que pretende achegar o deporte ao territorio, pasan pola descentralización das actividades deportivas, o fortalecemento da economía local, a promoción da provincia como un destino onde se pode practicar deporte ao aire libre, a sustentabilidade e a conexión coa natureza.

Todas as probas son de balde e, tralo éxito rexistrado nas citas xa celebradas na Illa de Arousa, Vigo, Gondomar e o pasado domingo en Cerdedo Cotobade, e a rapidez para cubrir as prazas para a proba de 10 quilómetros e andaina que se desenvolverá o 22 de novembro en Pontevedra, o circuíto pecharase en Moaña o 13 de decembro.