A Deputación inaugura o próximo venres no Palacete das Mendoza unha exposición do fotógrafo Carlos Ocaña

A mostra “Nocturnidade” estará dispoñible na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o vindeiro 11 de maio

19/04/2025

A Deputación de Pontevedra inaugura o próximo venres 25 de abril no Palacete das Mendoza a exposición "Nocturnidade", do fotógrafo vilagarcián Carlos Ocaña. A mostra estará dispoñible ata o domingo 11 de maio na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.

Carlos Ocaña mostra en "Nocturnidade" unha colección de imaxes que teñen como característica común a noite, recollendo lugares e estampas na escuridade, de aí o título da exposición. Ocaña, que foi mariñeiro de profesión, iniciouse no mundo da fotografía durante as súas estancias traballando nas costa de África entre 1979 e 1986. Posteriormente, decidiu perfeccionar a súa afección e fixo diferentes cursos de fotografía, e nos últimos anos formou parte de exposicións en lugares como Vilagarcía ou Rianxo, entre outros.

Os horarios de visita da exposición "Nocturnidade" do fotógrafo Carlos Ocaña no Palacete das Mendoza a partir do venres e ata o 11 de maio serán os seguintes: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.