A Deputación avanza que este venres aprobará máis de 160.000 euros para substituír a cuberta e renovar o pavimento deportivo do Pombal, en Cambados
O deputado provincial Marcos Guisasola visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local
16/04/2026
O deputado provincial Marcos Guisasola visitou Cambados, onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de 161.472 euros para a substitución da cuberta e a renovación do pavimento deportivo do pavillón do Pombal. Trátase da totalidade dos recursos que lle corresponden a Cambados ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Marcos Guisasola deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que consisten na substitución da cuberta e do caleiro do pavillón polideportivo do Pombal, así como a reparación e posta en valor dos elementos interiores afectados polas filtracións. En concreto, levaranse a cabo traballos previos como a retirada da cuberta actual e a limpeza e tratamento da estrutura metálica para evitar a corrosión, e executaranse diferentes melloras no edificio, que inclúen a reparación de fiestras e peches e o acondicionamento de gradas e elementos existentes. Ademais, no relativo ao pavimento deportivo, repararanse diferentes zonas danadas, e procederase ao lixado, pulido e novo acabado adaptado a uso intensivo. Finalmente procederase ao pintado e marcado regulamentario das diferentes pistas deportivas (baloncesto, fútbol sala, balonmán, voleibol e minibasket).
“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra”, asegurou Marcos Guisasola, que lembrou que “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas que, nestes tres anos, espallou xa 20 millóns de euros entre os concellos”.
