A Deputación avanza que este venres aprobará recursos por valor de máis de 105.000 € para mellorar o campo de fútbol do Camballón, en Vila de Cruces
A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou estas instalacións, onde se van investir os recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que Vila de Cruces ten asignados para construír un muro
26/05/2026
A deputada provincial Belén Cachafeiro anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na Xunta de Goberno 106.647 euros para que o concello de Vila de Cruces poida realizar melloras no campo de fútbol do Camballón. Trátase da totalidade dos recursos que o concello ten a súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
A deputada provincial Belén Cachafeiro detallou que os 106.647 euros que recibirá Vila de Cruces servirán para construír un muro que mellore tanto a seguridade dos xogadores como a visibilidade dos espectadores no campo de fútbol do Camballón. En liñas xerais, será un muro de pedra granítica con acabado rústico na cara vista sobre o que se construirá un peche e unha rede de 3,5 metros de altura para que as pelotas non invadan a propiedade lindeira.
“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Belén Cachafeiro. “Cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros nestes case tres anos de goberno”, remarcou a deputada.
