A Deputación iluminará de verde o Pazo provincial a noite deste luns co gallo do Día Mundial contra a Meninxite
A institución provincial súmase ás accións de visibilización promovidas pola Asociación Española contra a Meninxite no conxunto de España
03/10/2026
A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o Pazo provincial durante a noite deste luns 5 de outubro, desde as 20:30 horas ata as 7:30 horas do martes 6, co gallo do Día Mundial contra a Meninxite. Deste xeito, a institución únese ás iniciativas promovidas pola Asociación Española contra a Meninxite como xesto de solidariedade e compromiso coas persoas que sofren esta doenza e mais cos seus achegados.
Desde 1996 contabilízanse en España arredor de 16.000 casos de meninxite meningocócica (a derivada dunha das tres bacterias que causan esta enfermidade). As cifras ascenden a máis de medio millón en todo o mundo, con preto de 379 casos detectados en España durante 2025. Galicia é a quinta comunidade autónoma con máis incidencia de novos diagnósticos. Estímase que a meninxite supón un gasto duns 11.500 euros anuais para facer fronte ás súas secuelas, que chegan a ser físicas en máis da metade dos pacientes.
A Deputación súmase a esta acción co obxectivo de concienciar e dar visibilidade a esta enfermidade e ao labor do colectivo, a única entidade sen ánimo de lucro que loita contra a meninxite en España, para protexer a poboación das consecuencias da enfermidade e para concienciar sobre o uso de vacinas para a súa prevención.