Rafa Domínguez inaugura no Museo a mostra “Dalia” de Marta Pazos dentro do ciclo Infiltracións, que este ano se enmarca na 32ª Bienal de Pontevedra
01/08/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou este venres no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a mostra "Dalia", de Marta Pazos, dentro do ciclo de exposicións Infiltracións, un programa que ten como propósito realizar intervencións específicas relacionadas con obras do Museo. Marta Pazos (Pontevedra, 1976) é directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual. Nas súas montaxes, a cor aparece de maneira radical para impactar na retina do público e transformar a súa percepción. Así é tamén en Dalia, onde homenaxea a súa avoa a partir das flores do seu xardín, que conectan coas obras con motivos florais conservadas no Museo. A exposición estará aberta ao público entre este 1 de agosto e o próximo 30 de novembro.
Rafa Domínguez lembrou que "cada ano o Museo convida dúas artistas a investigar e traballar coa colección do Museo", como unha maneira de fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e incorporar progresivamente novas miradas e discursos ao museo, ofrecendo novas lecturas sobre os seus fondos. O vicepresidente da Deputación puxo en valor que "nesta ocasión, Infiltracións forma parte da programación da 32ª Bienal de Pontevedra, que propón como eixo de reflexión Volver (a) ser humanos", o cal constitúe "unha chamada a repensar a condición humana desde múltiples perspectivas". Neste sentido, Domínguez instou o público a que se achegue ao Museo para descubrir "a mirada tan particular de Marta Pazos á hora de dialogar coa colección do Museo, e de converter a fachada deste edificio nun xardín vertical que contaxia tamén o seu interior da súa luz e das súas cores: non se pode entender a condición humana sen a relación coa natureza, e estamos felices de que Marga Pazos nolo recorde a través das súas escollas".