Luis López celebra que a irmandade entre Baiona e Poio para impulsar a Festa da Arribada e o Día de Colón dará un novo pulo ao turismo e a cultura nas Rías Baixas
O mandatario provincial preside a firma dun acordo de colaboración entre os alcaldes de Baiona e Poio, Jesús Vázquez Almuíña e Ángel Moldes, para a colaboración conxunta na protección e difusión de dúas citas que son “emblemas das Rías Baixas”
17/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra a irmandade entre os concellos de Baiona e Poio para traballar conxuntamente na protección e divulgación da Festa da Arribada e do Día de Colón. Un acordo que suporá un impulso para o turismo e a cultura nas Rías Baixas. “Neste acto sae moi reforzada a provincia de Pontevedra porque sirve para poñer en valor estas dúas festas, pero tamén a tradición mariñeira, a gastronomía e a beleza destas dúas vilas. Ademais, na nosa estratexia de turismo, este acordo permite avanzar na nosa aposta pola desestacionalización e descentralización”, declarou o presidente despois da sinatura do convenio entre os alcaldes Jesús Vázquez Almuíña e Ángel Moldes, no que a Deputación exerceu de “embaixadora”.
No salón de plenos do Pazo provincial, reuníronse o rexedor de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña; e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañados polo presidente provincial Luis López e integrantes das corporacións municipais, responsables dos colectivos organizadores destas dúas festas e membros de Turismo Rías Baixas. Ambos os dous rexedores asinaron un acordo que terá unha vixencia de catro anos e os obxectivos de realizar un intercambio cultural con presenza dos dous concellos en cada unha das festas e accións divulgativas en centros educativos. “É a forma de potenciar Baiona e Poio, dous concellos que teñen características especiais como a súa historia e a súa cultura, cun porto deportivo ou museos relacionados coa navegación”, sinalou o deputado e rexedor de Baiona Vázquez Almuíña; “poñemos en valor dúas festas con moito arraigo, pero tamén trasladamos a marca da provincia e de turismo Rías Baixas, que son produtos moi singulares e particulares como son a Festa da Arribada e o Día de Colón, dos que non moitos territorios poden presumir”, engadiu o alcalde de Poio, Ángel Moldes
Despois de agradecer a decisión de escoller o Pazo provincial para asinar este acordo, que fará das Rías Baixas un territorio “máis cohesionado, forte e unido”, Luis López eloxiou a vontade de colaboración dos dous rexedores. “Representan á perfección a vocación deste acto porque indo unidos, chegamos máis lonxe e porque a liña máis recta para acadar unha meta é a da colaboración”, valorou o mandatario provincial sobre o traballo dos equipos de goberno de Baiona e Poio.
Esta irmandade entre “dous concellos que son emblema das Rías Baixas” proxectará o carácter internacional da provincia e do destino turístico. “Lanzamos unha mensaxe a todo o mundo de que un dos fitos máis importantes da historia da humanidade tivo o seu epicentro na provincia de Pontevedra”, afirmou o presidente, quen concluíu que, desde hoxe, Poio e Baiona son dous concellos que “desde o punto de vista xeográfico poden estar moi lonxe, pero desde o punto de vista cultural, están moi próximos”.
