Luis López informa dun investimento de 100.000 euros da Deputación para iniciar no 2027 a construción da primeira ponte colgante e peonil entre As Neves e Monçao
O presidente provincial, acompañado polo alcalde Jose Manuel Alfonso, avanza sobre o terreo do compromiso da Deputación para impulsar unha pasarela de 84 metros de lonxitude e “estratéxico para as relacións entre a provincia e o norte de Portugal”
28/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de informar nunha visita ao Concello das Neves que a Deputación reserva unha partida de 100.000€ no Orzamento do vindeiro ano 2027, dotado con 261,8M€, para iniciar os traballos de construción da ponte peonil sobre o río Miño que conectará a localidade pontevedresa das Neves coa portuguesa de Monçao. “Menos de 24 horas despois de facer o anuncio do Orzamento da Deputación para o ano 2027, que conleva unhas contas de récord, que volverán entrar en vigor o 1 de xaneiro e que reserva un de cada tres euros para a cooperación cos concellos; anunciamos que nese Orzamento contemplamos unha partida de 100.000 euros para iniciar os traballos da primeira ponte peonil entre As Neves e Monçao, será a primeira ponte colgante das cinco que temos na provincia sobre o Miño e que vai ser de uso exclusivo para peóns e bicicletas”, explicou o mandatario provincial sobre o terreo acompañado polo alcalde das Neves, Jose Manuel Alfonso.
O proxecto contempla a construción dunha ponte colgante para uso peonil e ciclista sobre o río Miño entre As Neves e Monçao. Trátase dunha pasarela de 84 metros de lonxitude e 4 metros de ancho que servirá para conectar a ponte con sendas verdes dun e doutro lado do río. Segundo explicou o presidente provincial, a Deputación lidera a redacción e execución do proxecto en colaboración coa AECT Río Minho e a redacción do proxecto xa foi licitada neste 2026 cun investimento de 95.000 euros financiado ao 50% entre a administración provincial e a Cámara de Monçao. “É un proxecto moi agardado e desde a Deputación entendémolo como estratéxico para As Neves, para a provincia e tamén para as relacións entre Galicia e o norte de Portugal”, subliñou López.
A construción desta nova ponte internacional suporá tamén un potente impulso para o modelo de turismo que promove a Deputación a través do destino turístico Rías Baixas, un modelo centrado na natureza, que aposta pola sustentabilidade, a descentralización das visitas, a desestacionalización ao longo de todo o ano e a internacionalización.
Neste sentido, o presidente provincial quixo recoñecer o labor do alcalde Jose Manuel Alfonso e do equipo de goberno das Neves por “loitar para conseguir este proxecto, que é moi complexo e que require buscar alianzas ao outro lado do Miño e tamén na Deputación”. Deste xeito, lembrou tamén o compromiso do goberno provincial no apoio a concellos como o das Neves, “esa é a liña de compromiso cos pequenos e medianos concellos pola que seguiremos”, rematou o presidente.
