Luis López asina co alcalde da Caniza, Luis Gómez Piña, unha achega de 1M€ cos que financiar ao 100% a mellora da accesibilidade da rúa Rosalía de Castro

O presidente da Deputación recibe o rexedor no Pazo provincial para selar un acordo no que a Deputación combina os recursos do Plan Extra e +Provincia para financiar o custo total dunha obra que transformará a imaxe e a mobilidade desta rúa do centro da vila

04/11/2026

Luis López asina co alcalde da Caniza, Luis Gómez Piña, unha achega de 1M€ cos que financiar ao 100% a mellora da accesibilidade da rúa Rosalía de Castro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde da Caniza, Luis Gómez Piña, o convenio para a mellora da accesibilidade da rúa Rosalía de Castro. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Gómez Piña selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega o millón de euros necesario para a execución da totalidade da obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (682.000€) e do Plan +Provincia (360.000€). Unha achega de recursos provinciais que contribuirá á transformación da imaxe, a mobilidade e os servizos públicas desta rúa localizada no centro urbano da vila.

O obxectivo do proxecto pasa pola recuperación para o peón de espazos que, co paso do tempo e a urbanización do concello da Caniza, se foron perdendo. Unha actuación que servirá tamén para o acondicionamento de espazos que actualmente non contan coas parámetros de accesibilidade e urbanización que requiren os novos tempos, nos que o peón recupera o espazo que ata o momento se destinaba aos vehículos. A intervención divídese en tres treitos. No primeiro, a rúa Rosalía de Castro pasará a contar cunha plataforma única e cunha beirarrúa na parte dereita no sentido da circulación de 5 metros e unha beirarrúa de 2,5 metros na parte esquerda, ambas as dúas pavimentadas en lousas de pedra granítica.

A segunda fase afecta aos camiños desde a rúa Rosalía de Castro ao núcleo rural dos Bueixos e o lavadoiro, onde se intentará manter o maior ancho posible. Xa no núcleo dos Bueixos, terceiro treito, os camiños defínese en plataforma única con canaletas de recollida de pluviais e iluminación colocada sobre as fachadas. Ao longo de todo o conxunto proponse a colocación de mobiliario urbano, de distintas especies vexetais autóctona e a mellora puntual do saneamento e a recollida de pluviais.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello da Caniza, onde tamén están en marcha actuacións ao abeiro doutros plans de cooperación para a mellora do espazo público e os equipamentos deportivos.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.