Luis López asina coa alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, unha achega de 1,1M€ para financiar ao 100% a rehabilitación urbana do Burgo

O presidente provincial recibe o rexedor e deputado provincial para selar un acordo no que a Deputación combina os recursos do Plan Extra e +Provincia para financiar a totalidade dunha obra que transformará o espazo público, a imaxe e os servizos da zona

24/10/2026

Luis López asina coa alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, unha achega de 1,1M€ para financiar ao 100% a rehabilitación urbana do Burgo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, o convenio para a rehabilitación urbana do Burgo. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Vázquez Almuíña selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 1,1 millóns de euros para financiar a totalidade do proxecto a través da combinación dos recursos do Plan Extra (853.250€) e do +Provincia (284.400€). Unha inxección de fondos provinciais que transformará o espazo público, os servizos e a imaxe deste barrio localizado na contorna do río Baíña e no itinerario do Camiño Portugués pola Costa.

O proxecto ten como obxectivo recuperar para o espazo público e carácter peonil un treito do Camiño de Santiago, o situado tras cruzar o río Baiña pola ponte do Burgo saíndo de Baiona. A actuación centrarase en dúas zonas. A primeira céntrase na recuperación e posta en valor dun treito de 126 metros do Camiño de Santiago na contorna do río Baiña. Nesta rúa do Burgo, caracterizada pola súa ponte e lavadoiro, eliminarase o tráfico rodado non necesario para a súa recuperación para uso peonil a través da mellora do pavimento, creación de espazos de estancia e zonas verdes, mellora das fachadas e renovación das redes de servizos. A segunda parte corresponde cun treito de 120 metros no que se porá en valor o Camiño de Santiago ao seu paso por polo Burgo mediante a eliminación do tráfico rodado, creación de espazos peonís, mellora do ambiente urbano, recuperación e posta en valor do patrimonio histórico e substitución e mellora da rede de instalacións urbanas.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Baiona, onde tamén están en marcha outros proxectos dirixidos á mellora tanto do espazo público como de instalacións deportivas e outras infraestruturas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.