Luis López asina co alcalde de Meaño, Carlos Vieitez, un investimento de 560.000€ para o financiamento da nova senda peonil entre Ponte Dena e Abuín
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo que mellora o espazo urbano do concello, impulsa a mobilidade a pé e a sustentabilidade e convida a veciñanza a fomentar a actividade física
30/07/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Meaño, Carlos Vieitez, o convenio para a construción dunha senda peonil e ciclable entre Ponte Dena e Abuín, enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Vieitez selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financiará o 66% dun proxecto valorado nun millón de euros, dos que 560.000 euros achégaos ao abeiro desta segunda convocatoria do Plan Extra, mentres que o Concello asume o orzamento restante. Unha nova mostra do compromiso da Deputación para colaborar cos concellos da provincia na mellora dos espazos públicos, dos servizos á veciñanza e no fomento da actividade física.
O obxecto do proxecto céntrase na creación dunha senda peonil en plataforma única xerando un itinerario seguro a través da renovación dos servizos urbanos necesarios e dunha nova pavimentación que garanta un tráfico rodado atenuado. Así mesmo, coa intervención está prevista a incorporación de novo mobiliario urbano, elementos de acougado do tráfico, nova sinalización vertical e horizontal, novo servizo de alumeado público e mellora da drenaxe. Coa obra garántese unha mellor accesibilidade peonil á área comercial e de lecer do centro urbano de Dena.
A colaboración da Deputación co Concello de Meaño non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello recibiu de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total de 3,66M€ a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
