Luis López asina co alcalde de Moraña, Jose Luis Gómez, un investimento de 490.000€ para a creación dunha senda peonil e mellora de espazos no Buelo
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar unha achega de 417.800€, o 85 % do orzamento, a un proxecto que mellorará a imaxe, a seguridade viaria e os servizos nunha zona rural próxima ao núcleo urbano de Santa Lucía
01/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Moraña, Jose Luís Gómez, o convenio para a mellora dos espazos públicos e creación dunha senda peonil no Lugar do Buelo. Enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, o programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Gómez selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 417.800 euros, o 85 % cun orzamento que ascende a 491.500€ e que completa o Concello cunha aportación de 73.000€. Un investimento que supón unha nova mostra da aposta do goberno provincial pola mellora dos espazos públicos nos concellos da provincia.
“Grazas ao bo proxecto que presentou Moraña foi beneficiario desta axuda importantísima que reflicte o espírito da Deputación de crear espazos onde poidan convivir peóns e vehículos e tamén que, vivan onde vivan, a veciñanza vai ter melloras”, declarou o mandatario provincial reafirmando “o compromiso co cofinanciamento de plans estratéxicos”. Un apoio polo cal o alcalde Jose Luis Gómez quixo manifestar o “agradecemento pola axuda da Deputación a concellos pequenos como o noso”.
O ámbito de actuación comprende, por unha banda, o viario que comunica Santa Lucía no límite co núcleo rural do Buelo e a Rúa Nº7 e os viarios interiores do núcleo rural do Buelo e o viario de comunicación co núcleo próximo do Río. As obras consisten na mellora do pavimento actual e creación dun espazo público de uso peonil para o que se realizará unha segregación de usos xerando unha senda peonil de 2,50 metros de ancho mínimo e unha calzada para dous carrís de circulación. Ademais, en cada un dos externos do camiño, na zona de entroncamento coas rúas 3 e 7, xéranse dúas plataformas únicas e ambas terán un uso de prioridade peonil. A actuación inclúe redes de pluviais e sumidoros, cunetas de formigón, nova iluminación con balizas e sinalización vertical e horizontal. “Faremos unha senda que vai conectar a rúa dos colexios co lugar do Buelo, unha contorna na que tamén axardinaremos unha praza”, resumiu o rexedor.
A colaboración da Deputación co Concello de Moraña non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total de 3,3M€ a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza. “Falamos de actuacións fundamentais para Moraña, onde o financiamento da Deputación é unha realidade”, dixo Luis López citando outros proxectos coma a mellora da Carballeira de Santa Lucía ou a mellora da estrada entre Mane e Rebón.
