Luis López fai balance das 2.800 contratacións impulsadas pola Deputación para fomentar o emprego e apoiar a prestación de servizos básicos nos concellos
O presidente provincial fai un repaso da liña de activación de emprego do +Provincia desde Poio, municipio que poderá incorporar a un cento de persoas ao seu plantel para, entre outros, reforzar o servizo de atención ás praias
20/07/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fai balance dunha pegada de 2.800 contratacións e un investimento de 33,5 millóns de euros para a activación do emprego na provincia a través do plan +Provincia nestes tres anos de mandato. Nunha visita á praia de Cabeceira, en Poio, o mandatario provincial puxo salientou a importancia deste programa para mellorar toda clase de servizos que prestan os concellos, entre eles o mantemento e dos areais, nos que a Deputación, segundo anunciou López, porá en marcha este mes unha nova iniciativa para fomentar o turismo sustentable chamado “Rutas Sensoriais de Mariqueo” consistente en 27 rutas guiadas en sete concellos costeiros da man do persoal das confrarías de pescadores para coñecer a riqueza patrimonial das praias. “Demostramos o noso compromiso cos concellos, o noso compromiso cun turismo de calidade e o noso compromiso cun destino sustentable”, declarou o presidente provincial nun encontro no que tamén participou o alcalde de Poio, Ángel Moldes.
A liña 3 do programa +Provincia da Deputación para a activación do emprego ten mobilizados nestes tres anos de mandato un total de 33,5 millóns de euros para a contratación de 2.800 persoas desempregadas nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Un apoio aos concellos para reforzar todo tipo de servizos e especialmente nestes meses de verán os relacionados co turismo e o mantemento das praias. No caso de Poio, a Deputación facilita este ano a contratación de 23 persoas para traballar en áreas como cultura, deportes, servizos sociais, limpeza e tamén en turismo, servizo no que incorporan dous técnicos así como seis persoas encargadas do mantemento das praias. Neste Concello, a Deputación ten mobilizados 900.000 euros que, ao remate do mandato, terán permitido contratar a un total de 100 persoas.
“Moitas veces pensamos que os fondos da Deputación son simplemente para obras, pero hai unha partida moi importante que está relacionada coa contratación de persoal e, en Poio, tamén coas praias. Para nós sería imposible ter as praias adaptadas sen a colaboración da Deputación”, agradeceu o rexedor. “O plan +Provincia ten un impacto na activacion de emprego e o Concello de Poio é un modelo, con 100 persoas contratadas ao remate do mandato e unha pegada na limpeza de praias e servizos como cultura, deportes ou servizos sociais”, puntualiza López.
Con motivo desta visita á praia de Cabeceira, o presidente provincial anunciou a posta en marcha dunha nova iniciativa relacionada co turismo e a sustentabilidade do destino. Trátase do programa “Rutas Sensoriais de Marisqueo”, unha proposta enmarcada no proxecto Awaves que promove a Deputación e que conseguir fondos europeos para ofrecer rutas guiadas por persoal das confrarías de pescadores. Entre os meses de agosto e outubro, veciños e visitantes poderán inscribirse de forma gratuíta e á través da páxina web da Deputación nun catálogo composto por 27 rutas repartidas por sete concellos costeiros da provincia. “Queremos proporcionar ao visitante experiencias de calidade, por iso poñemos en marcha un proxecto para o que conseguimos fondos europeos que vai permitir que o visitante ou os veciños teñan unha experiencia diferente nas praias arredor do marisqueo. É unha posibilidade para entender a riqueza e patrimonio arredor das praias doutro xeito”, explica o presidente, quen lembrou tamén o apoio que presta a Deputación ás confrarías de pescadores da provincia, ás que están a recibir máis fondos e dispoñen de máis flexibilidade para destinar os recursos ás súas necesidades.
A oferta inclúe visitas guiadas polas seguintes praias das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa: Barra (Cangas de Morrazo), Deilán (Vilaboa), Os Praceres (Pontevedra), Ameixal (Poio), Combarro e A Seca (Poio), Compostela (Vilagarcía de Arousa), Aguiuncho (A Illa de Arousa) e Esteiro (Vilanova de Arousa).
Galerias de imaxes
audios
intervencións do presidente Luis López e do alcalde de Poio, Ángel Moldes
