Luis López entrega a 33 clubs deportivos de toda a provincia e de distintas disciplinas as furgonetas, remolques e vehículos adaptados do primeiro DepoVAN

O presidente da Deputación, acompañado polos vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, reafirmar o compromiso estratéxico coa provincia do deporte: con máis axudas a clubs e deportistas, investimentos en infraestruturas e impulso á acollida de eventos

15/07/2026

Luis López entrega a 33 clubs deportivos de toda a provincia e de distintas disciplinas as furgonetas, remolques e vehículos adaptados do primeiro DepoVAN

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de entregar as primeiras furgonetas, remolques e vehículos adaptados financiados pola Deputación ao abeiro da primeira convocatoria do programa DepoVAN, do que se benefician 33 clubs deportivos de diversas disciplinas e de toda a provincia. Diante do Pazo provincial e acompañado polos vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, o presidente provincial reafirmou a aposta estratéxica que a Deputación está a facer polo deporte, con máis apoio a deportistas e clubs, investimentos millonarios en infraestruturas deportivas de titularidade municipal ou doutras entidades e o impulso á organización de eventos deportivos en todo o territorio. “Estes son os ingredientes que nos converten na provincia do deporte”, afirmou López diante de representantes das 33 entidades beneficiarias que se achegaron este mércores ao Pazo provincial cos seus vehículos.

A primeira convocatoria DepoVAN puxo a disposición das entidades deportivas da provincia un total de 600.000 euros, 300.000 euros máis dos consignados inicialmente, para facilitar a adquisición de furgonetas, remolques e equipos para adaptar os vehículos á persoas con discapacidade tanto novos como usados. O programa reservaba fondos para entidades de deporte xeral (300.000€), deporte náutico (200.000€) e deporte adaptado (100.000€) para financiar ata o 80% do valor do vehículo con subvencións que oscilan entre un máximo de 25.000€ para vehículos novos e 5.000€ para equipos de mobilidade para deportistas con discapacidade. A extraordinaria acollida por parte do tecido deportivo da provincia deste programa novidoso demostra que o seu lanzamento foi un acerto absoluto, polo que o Goberno provincial xa ten en marcha a segunda convocatoria cun orzamento inicial de 1M€ para chegar a máis clubs.

“O deporte é unha das nosas bandeiras. Nas reunións co tecido deportivo chegábanos a petición de vehículos e lanzamos esta liña de axudas por primeira vez que trouxo este resultado: a entrega de 33 vehículos coa que se cobren todas as disciplinas e que atende ao deporte xeral, o náutico e o adaptado. Unha necesidade que nos trasladabades e á que demos cobertura, pero é que no ano 2026 imos a máis con un millón de euros de entrada. Unha acción que se traduce en máis comodidades e máis aforro para os clubs”, explicou Luis López o calado desta iniciativa de apoio aos clubs.

Pola súa banda, en representación de todos os beneficiarios, o presidente do Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo, Alberto González, recoñeceu que se trata “dunha axuda moi importante que vai beneficiar á economía dos nosos clubs, que soportamos un forte incremento dos gastos en desprazamento” e remarcou no agradecemento á Deputación polo apoio ao tecido deportivo da provincia.

O presidente provincial tamén repasou os principais fitos en materia de apoio ao deporte por parte da Deputación nestes tres anos de mandato. Salientou López o labor da vicepresidenta e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez; e fixo fincapé no aumento das axudas a clubs e deportistas, a aprobación de tres plans extroardinarios de infraestruturas deportivas para incentivar aos concellos a executar melloras nas instalacións municipais por un valor total de 30M€ e a próxima convocatoria do plan Prodeporte, unha liña de axudas para a mellora de instalacións deportivas da provincia que non sexan de titularidade municipal.

“Esta entrega de vehículos non é un agasallo, senón un recoñecemento xusto ao voso labor e unha mostra de apoio para sigades adiante. Se somos a provincia do deporte é por persoas como vós, que estades detrás dos grandes nomes dos nosos clubs”, concluíu o presidente.

Galerias de imaxes

audios