Luis López destaca o investimento de case 800.000€ da Deputación para cumprir cunha demanda histórica da veciñanza de Poio: a reforma urbana do barrio da Caeira
O presidente provincial, acompañado polo alcalde Ángel Moldes, informa do inicio inminente dunhas obras financiadas ao 100% polo organismo provincial a través do Plan +Provincia
09/07/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o investimento de preto de 800.000 euros por parte da Administración provincial a través do Plan +Provincia que servirá para financiar ao 100% a reforma urbana do barrio da Caeira, un proxecto impulsado polo Concello de Poio co que atende unha demanda histórica da veciñanza. Acompañado polo alcalde Ángel Moldes, o mandatario provincial percorreu as rúas desta localidade así como a cancha deportiva na que a xogadora deu os seus primeiros pasos no mundo do fútbol e que será restaurada tamén a través desta iniciativa. “Visitamos novamente Poio e damos novamente mostra do compromiso compartido polo goberno da Deputación e do Concello pola mellora dos servizos e da mobilidade peonil e de vehículos. Son varios os proxectos que sementa o alcalde por todo o concello, xa estivemos no inicio de obras e no remate doutras, pero hoxe é o momento da Caeira”, declarou o presidente para anunciar o inicio das obras.
O proxecto de reforma urbana do barrio da Caeira céntrase nas rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén nas que se intervirá para crear unha plataforma única que eliminará toda clase de barreiras arquitectónicas e que servirá tamén para canalizar a recollida de pluviais. Do mesmo xeito, acondicionarase un carreiro entre as rúas Río Sil e Río Tambre para facilitar os desprazamentos a pé e procederase á renovación do alumeado público, así como a instalación dunha tubaxe para soterrar no futuro as liñas eléctricas. Ademais, a intervención inclúe a restauración do recinto polideportivo da rúa Oitavén que leva anos en estado de abandono. “Falamos dun proxecto valorado en case 800.000€ financiado ao 100 % pola Deputación ao abeiro do Plan +Provincia. Será unha actuación integral para mellora da contorna das rúas Sil, Umia e Oitavén”, puntualizou López.
Por outro lado, sinalou o dirixente provincial que o investimento da Deputación deste proxecto servirá tamén para apontoar a provincia do deporte ao recuperar unha cancha de fútbol que funcionou como punto de encontro para a veciñanza e para fomentar a actividade física entre a mocidade. “Somos a provincia do deporte. Temos instalacións deportivas de primeiro nivel, somos un polideportivo ao aire libre e somos unha terra de deportistas. Estar neste espazo é estar nun espazo onde se criaron Tere e Tomás Abelleira, dous grandes futbolistas”, salientou o presidente para informar a actuación nun espazo que caeu no abandono e que volverá ser unha referencia para fomentar o deporte entre a veciñanza da Caeira
Aínda que é a Deputación a que financia ao 100 % o proxecto a través do Plan +Provincia, recoñece Luis López que o artífice e impulsor desta obra é o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que está a promover grandes actuacións no municipio e a conseguir investimentos doutras administracións. “O alcalde está a conseguir que os proxectos pasen do papel á realidade. Poio deixou de ser noticia por ausencia ou parálise de proxectos e hoxe é un espello no que se miran moitos concellos. Agora en Poio se fala de investimentos moi grandes e non tan grandes, en Poio se mira ao pequeno e ao grande e en Poio se atenden zonas onde vive moita poboación e onde hai menos. En definitiva, Poio é agora exemplo de boa xestión e de progreso e o facer realidade”, recoñeceu Luis López para felicitar ao alcalde Ángel Moldes, quen agradeceu a implicación do goberno provincial para financiar o proxecto, e ao seu equipo de goberno polo seu labor.
O compromiso do goberno provincial co Concello de Poio non queda nestes 800.000€ de investimento para o barrio da Caeira, só a través dos distintos plans de cooperación, a Deputación ten mobilizados neste municipio ao longo destes tres anos de mandato un total de 6,6 millóns de euros. “Reafirmamos o noso compromiso tanto co Concello de Poio como cos 60 restantes que compoñen a provincia”, concluíu o presidente Luis López.
Galerias de imaxes
audios
intervención do alcalde de Poio, Ángel Moldes
intervención do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López
