Luis López é un máis entre os 500 corredores que participaron na estrea do circuíto “Entre Pontes Trail & Running” da Deputación entre A Illa e Vilanova de Arousa
20/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, completou este domingo os 10 quilómetros de percorrido entre A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa co que se estreou o circuíto de carreiras “Entre Pontes Trail & Running” que promove a Deputación por distintos puntos da provincia. O mandatario provincial tomou a saída, xunto con outros cincocentos corredores, na Illa de Arousa para cruzar á carreira a ponte que a une con Vilanova de Arousa, onde estaba instalada a liña de meta. Ao remate da proba, Luis López participou coa vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado Javier Tourís no acto de entrega de premios.
Entre Pontes Trail & Running é un novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10k e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas de mesmas actividades paralelas como andainas, carreiras infantís e unha zona de food trucks para repoñer forzas. Todas as probas son de balde e, despois do éxito deste inicio do circuíto, a seguinte proba será o 12 de outubro cun trail en Vigo, o 25 de outubro cunha 10k en Gondomar, o 1 de novembro cun trail en Cerdedo Cotobade, o 22 de novembro cunha 10k en Pontevedra e rematará o 29 de novembro en Moaña cunha proba de trail.




