Luis López anuncia un aumento do crédito nas axudas para financiar bens e servizos en eventos deportivos, que chegan a un total de 370.000 €

A Deputación aprobou un crédito inicial de 220.000 € que aumenta en 150.000 € e un 68% tras esgotar os fondos dispoñibles cinco meses antes de que remate o prazo de solicitudes

10/07/2026

Luis López anuncia un aumento do crédito nas axudas para financiar bens e servizos en eventos deportivos, que chegan a un total de 370.000 €

O presidente Luis López anunciou este venres que a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o aumento do crédito da liña de axudas para financiar bens e servizos en campionatos e eventos deportivos. Deste xeito, dos 220.000 euros cos que contaba inicialmente a convocatoria, as entidades deportivas pasarán a recibir un total de 370.000 euros, unha suba de 150.000 euros e do 68% respecto ao seu orzamento inicial. “Estamos batendo os récords históricos do financiamento desta administración ao tecido deportivo, facendo grandes esforzos, e a resposta é tan positiva que aínda temos o prazo aberto destas axudas ata o 30 de novembro, pero recibimos tantas solicitudes que os fondos xa están esgotados”, sinalou o presidente provincial en xustificación a este aumento de crédito.

De feito, as bases da convocatoria xa contemplaban esta posibilidade, ata un máximo de 440.000 euros (o dobre do previsto). Grazas a isto poderase dar resposta á “amplísima demanda” destas axudas, para as que “xa contabilizamos 271 solicitudes das cales 248 foron resoltas favorablemente”, informou o presidente provincial, cunha inxección que xa supera os 220.000 euros dispostos de inicio. “Non podiamos negarlle ás entidades deportivas da provincia que dispoñan destes fondos adicionais para que haxa máis beneficiarios”, asegurou Luis López, “porque grazas aos recursos desta Deputación podemos seguir avanzando nese gran proxecto de construír a provincia do deporte: unha provincia cuns clubs e deportistas que teñen todas as facilidades para impulsar as súas carreiras e chegar ao nivel máis alto, e unha provincia que fai canteira e demostra que somos os máis grandes en todos os ámbitos”.

Tralo incremento de 150.000 euros, incrementarase tamén o número de beneficiarios respecto á convocatoria do ano anterior, que se saldou coa concesión de 266 axudas. Nesta ocasión tamén se aumentara o crédito previsto inicialmente, pasando dos 120.000 aos 220.000 euros, polo que o orzamento a esta liña triplícase en tan só un ano.

As axudas contan con dúas liñas, unha dedicada a bens e outra a servizos. A de bens contempla o financiamento de medallas, trofeos, equipamento deportivo básico como camisetas conmemorativas ou material de promoción relacionado co evento, tales como mochilas, bidóns, gorras ou pulseiras. A de servizos contempla desde a asistencia sanitaria, os servizos médicos e ambulancias, ata a vixilancia, o control de accesos, a montaxe e desmontaxe, a cronometraxe e arbitraxe ou os servizos de difusión e comunicación.