A Deputación mobilizará esta semana 220 veciños de catro concellos da provincia coas saídas do programa +Convivencia

As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como Cambados, A Cañiza, Salvaterra de Miño, as illas Cíes, a Ruta do viño das Rías Baixas e o percorrido do Padre Sarmiento do Camiño de Santiago

25/09/2025

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con novas actividades que mobilizarán un total de 220 persoas chegadas desde os concellos de Lalín, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vigo. A veciñanza que estes días participa no programa visitará os municipios de Cambados, A Cañiza e Salvaterra de Miño, así como as illas Cíes, a Ruta do viño das Rías Baixas e coñecerán a etapa do Padre Sarmiento do Camiño de Santiago en Vilanova de Arousa.

As saídas da semana do programa +Convivencia comezan este venres, 26 de setembro, desde Pontevedra cun grupo de 52 usuarios da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII, que realizarán unha excursión á Cañiza e a Salvaterra de Miño. Tamén o sábado 27 de setembro haberá actividades para 50 persoas da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, de Ponte Caldelas, que viaxarán as illas Cíes; para outras 39 da Asociación Special Olympics Galicia, de Vigo, que se achegarán ata a ruta do Padre Sarmiento en Vilanova de Arousa; e para 31 máis da Asociación Cultural Mirlotil, de Lalín, que realizarán a Ruta do Viño das Rías Baixas. Por último, o domingo 28 de setembro 48 participantes da Asociación Lecer, de Pontevedra, visitarán Cambados.

+Convivencia, cun crédito de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición) que xa está esgotado, está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Neste ano, a Deputación ofertou un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas estaban abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

A Deputación concedeu a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.