A Deputación de Pontevedra pon o foco no proceso de creación na xornada “Escribir e cantar: a música das palabras” do ciclo Mulleres de Palabra(s)

Antía Otero e Guadi Galego foron as protagonistas dunha conversa no Palacete das Mendoza nunha acción, segundo destacou a deputada Paula Bouzós, “para reivindicar a palabra de mulleres escritoras do pasado e do presente e crear espazos compartidos”

18/09/2026

A Deputación de Pontevedra pon o foco no proceso de creación na xornada “Escribir e cantar: a música das palabras” do ciclo Mulleres de Palabra(s)

A Deputación de Pontevedra celebrou esta tarde nos xardíns do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, unha nova actividade do programa Mulleres de Palabra(s), enmarcado no Ateneo pola Igualdade. A acción, que tivo lugar baixo o título de “Escribir e cantar: a música das palabras” estivo protagonizada pola poeta Antía Otero e a cantante e compositora Guadi Galego.

A deputada de Igualdade Paula Bouzós destacou durante a presentación que este programa busca “reivindicar a palabra de mulleres escritoras do pasado e do presente e crear espazos compartidos para fomentar a lectura, descubrir novas voces femininas, e reflexionar con perspectiva de xénero”. As dúas autoras conversaron sobre o proceso de creación e os temas que abordan coa súa palabra poética e feita canción. A continuación, as persoas asistentes puideron desfrutar dun recitado de Antia Otero e música en directo da man de Guadi Galego, en acústico.

Mulleres de Palabra(s) é unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra que chega neste 2026 á súa segunda edición e na que as protagonistas son as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Así, o programa está a reivindicar a palabra das escritoras do pasado e de escritoras actuais da nosa provincia a través de conversas, lecturas, recitais e obradoiros. Este ano o programa rematará o vindeiro 17 de outubro, para conmemorar o Día das Escritoras, cunha lectura colectiva e en silencio coordinada por Mercedes Corbillón e Gemma Sesar e na compañía da autora María Sánchez.

Galerias de imaxes