A Deputación abre a inscrición para os cursos intensivos de cestería de vimbio impartidos por Julia de la Cal no Museo de Pontevedra
Este mércores ás 10:00 h a través da web museo.depo.gal abre a inscrición para as tres datas nas que é posible facer o curso: 13 de novembro, 18 de decembro e 15 de xaneiro
02/11/2026
O Museo de Pontevedra abre este mércores a partir das 10:00 h a través da web museo.depo.gal o prazo de inscrición aos tres cursos intensivos de iniciación á cestería de vimbio, que se van desenvolver os venres 13 de novembro, 18 de decembro e 15 de xaneiro, de 16:30 a 20:30 h no Edificio Castelao. Os cursos, de carácter práctico, van ser impartidos por Julia de la Cal.
Julia de la Cal é unha artesá galega con formación en Deseño gráfico e industrial. Traballa no ámbito da cestería aplicada ao paisaxismo, interiorismo, produto, intervencións artísticas e actividades participativas e divulgativas. En 2023 foi finalista do Premio Nacional de Artesanía na categoría de emprendemento e en 2024 gañou o Premio Artesanía de Galicia coa peza ‘Periferia #01”. Para o Museo de Pontevedra realizou unha réplica dunha peza de vimbio que o fotógrafo Francisco Zagala (1842-1908) utilizaba no seu estudio, e que se exhibiu na exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’.
As prazas nestes cursos son limitadas. As persoas que se apunten deben ter en conta de que no caso de non poder asistir, é obrigatorio cancelar a reserva enviando un correo a reservas.museo@depo.gal ou na ligazón recibida tras confirmarse a inscrición. As persoas que non cancelen a reserva e non se presenten á actividade non poderán participar durante os doce meses seguintes en ningunha das outras visitas e actividades do museo que precisen reserva.
