A Deputación abre a versión dixital da exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ no sitio web do Museo de Pontevedra

Co xornalista Arturo Lezcano como guía virtual, poderase percorrer o espazo e acceder ao contido da exposición e a vídeos relacionados

13/10/2026

A Deputación abre a versión dixital da exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ no sitio web do Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra ten dispoñible desde este martes no seu sitio web a versión dixital de ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’, a mostra que do 25 de xuño ao 27 de setembro exhibiu o icónico cadro que Castelao pintou en 1945. Trátase dunha versión expandida da exposición física, na que as persoas usuarias poderán percorrer a sala tal como estivo durante os meses que a mostra permaneceu aberta. A iso engádense as explicacións do xornalista Arturo Lezcano como guía virtual e a integración de varios vídeos nos que persoas expertas analizan diferentes aspectos e tamén se recuperan momentos especialmente significativos da exposición.

A mostra dixital permite percorrer a sala a través de 47 puntos navegables nos que se despregan 30 puntos interactivos: cartelas e imaxes das pezas e obras expostas e vídeos integrados. Entre eles están as conferencias íntegras impartidas por Ángeles Tilve, Ramón Villares, Henrique Monteagudo e Manuel Gago, así como vídeos breves divulgativos nos que interveñen Tilve, Villares, Monteagudo, os representantes do Centro Galicia de Buenos Aires ou Miguel Anxo Seixas. Tamén se recollen momentos destacados dos tres meses de exposición, como a saída do cadro de Bos Aires, a chegada a Pontevedra ou a celebración do 17 de agosto, Día da Galicia Mártir, co depósito por parte de Amalia Bóveda das cascas do piñeiro fronte ao que o seu pai foi fusilado. Completan os contidos outros vídeos coas impresións do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, do público, dos escolares galegos e da comunidade galega na Arxentina.

Outro elemento que lle confirme un carácter diferencial con respecto á exposición física é o acompañamento como guía virtual do xornalista Arturo Lezcano. Este gran coñecedor da historia e das historias da comunidade galega en América é autor do libro ‘O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega’. As súas explicacións achegan un punto de vista complementario no que sitúa ‘A derradeira leición do mestre’ no contexto da súa creación por parte de Castelao en Bos Aires en 1945.

‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ estivo aberta no Museo de Pontevedra do 25 de xuño ao 27 de setembro e en tres meses visitárona 26.376 persoas. Todo o protagonismo da exposición recaeu no cadro que Castelao pintou para o Centro Orensano de Buenos Aires no ano 1945, que estivo por segunda vez en Galicia e por primeira vez en Pontevedra.

Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Buenos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cedeu temporalmente para esta exposición. A mostra coincidiu coa conmemoración do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil e do asasinato de Bóveda, o que reforzou o valor simbólico da exposición.