A Deputación leva este venres 10 de xullo a Verducido, na Lama, un concerto de Artística e a Banda dos 80

O espectáculo terá lugar no campo da festa ás 23:00 horas ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

08/07/2026

A Deputación de Pontevedra leva este venres 10 de xullo a Verducido, A Lama, un concerto de Artística e a Banda dos 80 enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no campo da festa de Verducido a partir das 23:00 horas, durante a primeira xornada das festas de San Bieito e a Virxe do Carme.

Juan Collazo, Antonio Ocampo, Santiago Salvador, Serxio Payares, Marcos Taboada e Manuel Varela forman Artística e a Banda dos 80, unha formación de nova creación composta por unha escolma de músicos profesionais de bandas de música licenciados en música clásica e Jazz. A banda ofrecerá un espectáculo con arranxos e pezas orixinais de Serxio Lafasil e Adrián Saavedra que os levará polo continente europeo, con actuacións no Amsterdam PPP Hall e o Museo Speelklok, en Utrecht (Países Baixos).

Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.